A Xunta acorda cos hostaleiros lucenses que a Casa-Torre da Tinería sexa un referente turístico e Xacobeo da provincia

O conselleiro de Cultura e Turismo e o presidente da Asociación de Empresarios de Hostelería de Lugo asinaron o protocolo que fixará os futuros usos do edificio

O inmoble será rehabilitado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo ao beiro do Programa Rexurbe, que establece unha partida orzamentaria de 780.000 euros para o vindeiro ano

Lugo, 19 de outubro de 2019

A Xunta de Galicia acordou coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo os usos do futuro proxecto que converterá a Casa-Torre do barrio lucense da Tinería nun espazo referente para a promoción do turismo e a gastronomía da provincia coa ollada posta no Xacobeo 21.

Foi tras a sinatura dun protocolo por parte do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente dos hosteleiros lucenses, Cheché Real, polo que se destinará este espazo á potenciación e difusión dos Camiños de Santiago que atravesan este territorio, así como á posta en marcha de accións que redunden na mellora e profesionalización do sector desde o punto de vista turístico e enogastronómico.

O inmoble, conformado por dúas edificacións anexas á Muralla de Lugo, será rehabilitado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, da Consellería de Medio Ambiente e Vivenda, co fin de realizar actividades que teñan como obxectivo o desenvolvemento do potencial cultural e turístico de Lugo e a mellora da atención dos peregrinos e as persoas interesadas nos Camiños de Santiago nesta provincia. Ademais, a Asociación de Empresarios de Hostelería de Lugo instalará neste emprazamento as súas dependencias administrativas.

Dinamización cultural e turística

O acordo entre a Xunta e os hostaleiros lucenses nace a raíz do interese de ambos en promover un maior coñecemento dos catro Camiños de Santiago que atravesan 29 dos 67 concellos da provincia entre os visitantes, peregrinos e asociados co obxecto de favorecer a dinamización cultural e turística destas Rutas Xacobeas.

Ademais, tanto o Goberno galego como a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería levarán a cabo actividades de carácter formativo e divulgativo para mellorar os servizos prestados a peregrinos e visitantes e profundizar no estudo do Camiño Primitivo, o Camiño do Norte, o Camiño Francés e o Camiño de Inverno.

Rehabilitación do inmoble

O inmoble será rehabilitado polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, dentro do Programa Rexurbe, unha iniciativa de rehabilitación posto en marcha pola Xunta de Galicia no ano 2018, co fin recuperar os cascos históricos das diferentes vilas e cidades galegas. Así, no vindeiro ano, programa Rexurbe en Lugo destinará 780.000 euros para intervir, entre outras actuacións, no acondicionamento do edificio do Pazo de Dona Urraca e a Casa-Torre da Tinería.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2019