A Xunta leva a campaña de seguridade viaria 'O corazón está do teu lado' aos escolares de Pantón e Monterroso para achegarlles hábitos responsables nas estradas

A Consellería de Infraestruturas, en colaboración coa de Educación, ten en marcha esta campaña dirixida a cativos de 6 a 12 anos, que entre o pasado curso e o presente chegará a 40 colexios

Os alumnos, a través das unidades didácticas que empregarán co profesorado, aprenden a importancia de utilizar as sendas peonís, cruzar nos pasos de peóns ou facerse ver o máximo posible ante os vehículos que circulan pola vía

A iniciativa busca que os máis novos se preocupen pola súa propia seguridade viaria e contribúan, deste xeito, tamén á dos demais

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2019

Os escolares do CEIP Monte Baliño, de Pantón, e os do CEIP de Monterroso, xa forman parte da campaña da Xunta ‘O corazón está do teu lado’, que ten como obxectivo fomentar hábitos responsables nas estradas entre os máis novos. E este luns esta actividade se levará ao nenos e nenas do CEIP de Castro Verde.

Os rapaces de primaria do CEIP deste municipio de Lugo xa contarán mañá coas unidades didácticas coas que traballarán ao longo do curso para sensibilizarse da relevancia da seguridade viaria e do respecto ás normas de circulación.

Esta iniciativa da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, en colaboración coa de Educación, levarase a cabo este curso en 20 novos colexios da comunidade, dándolle así continuidade a esta actividade formativa que se vén desenvolvendo nos últimos anos.

A campaña vai dirixida a nenos de 6 a 12 anos, prevéndose que entre o pasado curso e o presente sensibilice aos nenos duns 40 centros escolares.

Esta campaña comezaba este curso en setembro, estando xa en marcha nos CEIP de Rodeiro, Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa; Arzúa, Virxe da Saleta, en Cea; Curros Enríquez, en Celanova; Nosa Señora de Xuvencos, en Boborás, Montemogos, en Bueu, Monte Baliño, en Pantón, CPI Manuel Padín, en Soutomaior, e no CEIP de Monterroso este pasado venres día 18.

Nas vindeiras semanas a actividade realizarase nos seguintes colexios: O Coto, en Negreira; Padre Feijóo, en Allariz; CPI DR. López Suárez de Friol; O Cruce, en Cerceda; Amor Ruibal, en Barro; O Ruxidoiro, en Barbadás; Alejandro Rodríguez Cadarso, en Noia; Praia Xardín, en Boiro ou A Gándara, en Monforte de Lemos.

Este programa, incluído dentro do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, ten como obxectivo explicar e ensinar aos máis cativos a marxe da estrada pola que deben camiñar, sempre pola esquerda, polo lado do corazón.

Os cativos, a través do material co que traballarán co profesorado, aprenden a importancia de empregar as sendas peonís, camiñar polo lado do corazón, cruzar nos pasos de peóns ou facerse ver o máximo posible ante os vehículos que circulan pola vía.

A campaña busca, en definitiva, que os máis novos se preocupen pola súa propia seguridade viaria e contribúan, deste xeito, tamén á seguridade dos demais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/10/2019