Os Orzamentos da Xunta para 2020 crean 407 novas prazas na Sanidade pública e volven potenciar o reequilibrio territorial, cun maior gasto por habitante en Lugo e Ourense

Tamén crean 50 novas prazas no ensino e 28 na área de benestar, e 985 bombeiros forestais terán en 2020 un mes de traballo adicional

O conselleiro de Facenda entregou hoxe na Cámara o proxecto de Lei de Orzamentos, que chegan a 10.149 millóns, e o de medidas fiscais e administrativas

O gasto per cápita nas provincias de Lugo (4.252€) e Ourense (4.096€) mantense por riba do de A Coruña (3.281€) e Pontevedra (3.200€)

Os beneficios fiscais ascenden a 448 millóns de euros, un 4,1% máis

As contas da Xunta inclúen novas rebaixas no Imposto sobre Sucesións, na compra de vivenda no rural e unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF

Os Orzamentos reforzan o gasto social ata a maior cifra da historia e tamén incrementan os investimentos e o gasto no Xacobeo 2021

A Xunta inclúe o crédito para subir ata un 2,2% o salario dos empregados públicos
 

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2019

Os Orzamentos da Xunta para 2020 inclúen a creación de 407 novas prazas na sanidade pública, ao tempo que volverán potenciar o reequilibrio territorial cun maior gasto por habitante nas provincias de Lugo e Ourense. Así o recolle o proxecto de Lei de Orzamentos para 2020, que ascende a 10.149 millóns e que foi entregado hoxe no Parlamento polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, xunto ao proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.

Destas 407 novas prazas que se crean, 252 son para persoal sanitario -fundamentalmente no eido da enfermaría-, 133 para facultativos e 22 para o persoal de servizos. Tamén se reforza o ensino con 50 prazas -30 de coidadores de alumnado con necesidades especiais e 20 de orientadores para o Plan de orientación profesional-, ás que se suman 28 novas prazas na área de benestar para profesionais de novas unidades. Ademais, 985 bombeiros forestais terán o vindeiro ano un mes de traballo adicional, polo que nesta lexislatura o seu tempo de traballo duplicouse de 3 a 6 meses.

Territorialización do gasto

En canto á distribución territorial, o maior investimento por habitante volverá producirse nas provincias orientais: Lugo, onde a Xunta destinará 4.252 euros per cápita, e Ourense, con 4.096 euros por habitante. Pola contra, nas provincias atlánticas A Coruña recibirá 3.281 euros per cápita e Pontevedra 3.200 euros por habitante. Respecto ao volume de gasto, as provincias que reciben maior volume son A Coruña e Pontevedra, con 3.681 e 3.011 millóns, respectivamente, mentres que Lugo recibirá 1.401 millóns, e Ourense, 1.261 millóns.

Beneficios fiscais

Os beneficios fiscais inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta de Galicia decide non percibir para que revertan principalmente ás familias e aos fogares. En 2020 a Xunta ampliará de novo o volume de beneficios fiscais ata os 448 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,1% respecto do actual exercicio e dun 23% -84 millóns- en comparación co 2016. Segundo explicou o conselleiro de Facenda, esta cifra ten unha compoñente cualitativa moi importante, posto que o 95% destes beneficios fiscais son de carácter social.

Gasto por consellerías

A Consellería de Sanidade ten o maior orzamento da súa historia e por primeira vez supera os 4.000 millóns, ata chegar aos 4.109 millóns. Pola súa banda, Educación, Universidade e Formación Profesional chega aos 2.446 millóns de euros. A continuación sitúase Política Social, que disporá de 776,1 millóns; seguidas de Economía, Emprego e Industria e de Medio Rural con 539,8 e 537,5 millóns, respectivamente. Infraestruturas e Mobilidade contará o vindeiro exercicio con 383,2 millóns; mentres que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, disporá de 307,3 millóns.

A Consellería do Mar contará en 2020 con 166,9 millóns de euros; a de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, 164,3 millóns de euros; e a de Cultura e Turismo, con 157,2 millóns. Co menor orzamento global sitúanse un ano máis os órganos superiores dependentes da Presidencia, con 157 millóns de euros; e a Consellería de Facenda, con 59,4 millóns.

Menos impostos

Ademais do proxecto de Lei de Orzamentos para 2020, o Goberno galego tamén entregou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, no que se inclúen novas baixadas de impostos e se manteñen todas as que xa están en vigor.

Entre as novidades, figura a rebaixa do Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) para a compra dunha vivenda no 94% do territorio galego, co obxectivo de fixar poboación no rural, así como a supresión do Imposto sobre Sucesións para as herdanzas inferiores a 1 millón de euros por herdeiro, co que o 99,9% dos galegos non pagarán este tributo cando reciban unha herdanza dun familiar directo. Tamén se aproban máis facilidades para a sucesión das empresas familiares e ponse en marcha unha novidosa ‘dedución verde’ no IRPF.

Reforzo do gasto social e dos investimentos

Os Orzamentos para 2020 reforzan un ano máis o gasto social, que medra en 275 millóns respecto a este ano e acada os 7.400 millóns de euros, a cifra máis alta da historia. Estes novos recursos permitirán incrementar o gasto directo en sanidade, no ensino e nas políticas sociais, e poñer en marcha medidas pioneiras no ámbito familiar como a gratuidade das escolas infantís a partir do segundo fillo ou a ampliación da Tarxeta Benvida. Tamén medra o capítulo de investimentos, que acada os 1.691 millóns de euros.

Xacobeo, menos débeda e empregados públicos

Nas contas do vindeiro ano tamén destaca a dotación para o Xacobeo, para o que se destinan 82 millóns para afrontar con éxito a preparación do vindeiro Ano Santo, e a redución do gasto en débeda, que baixa 22 millóns. Ademais, tamén se inclúe o crédito necesario nun fondo retributivo para elevar ata un 2,2% o salario dos empregados públicos e que se aplicará cando o Goberno central dite a norma habilitante.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 19/10/2019