Política Social convoca os premios Talento Mozo para poñer en valor a traxectoria e capacidade das mozas e mozos galegos

As candidaturas poderán presentarse desde mañá ata o vindeiro 21 de novembro

Premiaranse as mellores candidaturas nas modalidades de Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e Creación, cunha dotación de 5000 euros por categoría

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2019

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, convoca un novo certame para recoñecer traxectorias excelentes e proxectos impulsados pola xente nova. Trátase dos galardóns Talento Mozo, cos que se dará máis visibilidade ao enxeño e capacidades da mocidade galega nas modalidades de Ciencia, Rural, Deporte, Empresa e Cultura e Creación, cunha dotación económica de 5000 euros por categoría.

O Diario Oficial de Galicia de hoxe sinala que as persoas que desexen participar neste certame poden cursar as súas solicitudes desde mañá ata o vindeiro día 21 de novembro. Os requisitos son ter entre 18 e 30 anos, estar domiciliado en Galicia e contar cunha traxectoria relevante na modalidade do premio ao que se concorra. Unha mesma persoa non poderá presentarse como candidata a máis dun epígrafe do premio.

Ademais, as mozas e mozos que concorran a Talento Mozo terán que xuntar co impreso de solicitude unha memoria descritiva do proxecto ou traxectoria coa que optan ao premio, o seu currículo e documentación oficial acreditativa dos méritos alegados. Tamén poderán achegar outra documentación que consideren relevante, como apoios á candidatura, publicacións ou fotografías, entre outras.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/10/2019