A Xunta destaca o potencial da madeira para crear riqueza e novas oportunidades de traballo nunha Galicia máis verde

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe, en Ponteceso, na clausura da xornada ‘Que din os rumorosos’, organizada na Fundación Eduardo Pondal

Refírese á aposta da Xunta por facer da bioeconomía unha panca de competitividade a través da Axenda de impulso da industria forestal

Ponteceso (A Coruña), 24 de outubro de 2019

O director da Axencia Galega de Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou hoxe en Ponteceso no acto de clausura da xornada Que din os rumorosos, organizada na Fundación Eduardo Pondal, onde destacou o potencial que ten a madeira para crear riqueza e novas oportunidades de traballo nunha Galicia máis verde.

Neste sentido, referiuse á aposta da Xunta pola bioeconomía e por facer dela unha panca de competitividade. Así, a Axenda de impulso da Industria Forestal fomenta a utilización da madeira na construción, tanto no eido formativo, a través do convenio con Pemade; coma na promoción do seu uso en edificios públicos -como o centro da Galiña Azul na
Baiuca (A Estrada) ou o centro de saúde da Laracha-. Ademais, estase a impulsar o deseño como elemento de valorización da madeira e a innovación, na procura de novos materiais de base biolóxica.

O director agradeceu a organización desta xornada, na que se incluíu o foro Madeira vía de progreso, por fomentar a participación de rapaces e rapazas da comarca en actividades que poñen en valor a madeira como elemento central da vida cotiá mediante xogos, música, formación e divulgación.

Data de actualización: 24/10/2019