A Xunta defende na Coruña que o modelo galego dá respostas ao reto da transformación dixital e da transición enerxética facendo compatibles medio ambiente e industria

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu na Coruña ao foro ‘A industria ante o contexto enerxético actual’, organizado pola APD

Insiste na aposta galega por unha transición enerxética xusta e ordenada e tende a man a colaborar para incorporar a industria na axenda política de España

Asegura que Galicia traballa pola adopción de medidas que permitan á industria electrointensiva competir en igualade de condicións que o resto de Europa, ao tempo que ratifica o seu compromiso polo desenvolvemento das enerxías renovables

Avoga pola reinvención do tecido empresarial galego a través do impulso de novos polos industriais
 

A Coruña, 28 de outubro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu esta mañá na Coruña ao foro A industria ante o contexto enerxético actual, organizado pola APD, onde defendeu o modelo produtivo galego que está dando respostas tanto ao reto da transformación dixital como ao da transición enerxética, facendo compatibles a protección do medio ambiente co desenvolvemento industrial.

O conselleiro insistiu na aposta galega por unha transición enerxética xusta e ordenada que dea oportunidades aos países para buscar alternativas, que non penalice o emprego nin a actividade empresarial e que sexa socialmente equitativa. Neste sentido, subliñou que é necesario que o país recupere na súa axenda a política industrial e evitar, deste xeito, o deterioro da Marca España, xa que as Comunidades autónomas precisan que España se perciba como un país que achega confianza a través dun programa económico que impulse o crecemento.

Conde explicou que se isto non se consegue de nada serve o esforzo galego por xerar credibilidade e seguridade ao tecido empresarial aprobando os orzamentos en tempo e forma; pagando antes que outra rexión as facturas a provedores; ou o investimento en innovación e formación.

Galicia, asegurou, ábrese a colaborar para incorporar a industria na axenda política do país e por iso acábase de presentar un Estatuto para os consumidores electrointensivos con medidas para que a industria galega poida competir en igualdade de condicións que o resto de Europa. Ao mesmo tempo, Galicia ratifica o seu compromiso coas enerxías renovables e, grazas á vintena de parques eólicos que se están construíndo na actualidade, xunto coa planta de biomasa de Curtis, chegarase aos 8.000MW instalados en Galicia de enerxías renovables.

Para avanzar tanto no reto da transformación dixital, como no da transición enerxética, Conde avogou por reinventar o tecido produtivo coa aposta polos novos polos sectoriais. Así, referiuse ao polo aeroespacial de Galicia, á innovación desenvolvida no eido da automoción; ao impulso do estaleiro 4.0 no sector naval; ao novo polo das Tic na Coruña e ao biotecnolóxico en Santiago de Compostela; así como ao posicionamento de Galicia a través do téxtil.

O conselleiro finalizou expresando o orgullo pola imaxe da Comunidade no exterior e pola súa industria, un tecido que fai que Galicia sexa calidade, polo que, segundo afirmou, é obriga do Goberno galego convertela nunha terra de oportunidades facilitando a implantación de novas empresas e a captación de investimentos, como os 2.000M€ que se están a executar nestes momentos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/10/2019