Medio Ambiente repartirá o ano que vén 3.000 composteiros e reservará case seis millóns a mellorar a xestión dos biorresiduos

A conselleira Ángeles Vázquez subliña a importancia de tratar de forma axeitada a fracción orgánica do lixo doméstico e lembra o triplo beneficio da súa transformación en compost, xa que reduce as emisións de CO2, obtense un fertilizante de calidade e supón un aforro para os servizos de recollida de residuos

Desde a posta en marcha do Programa de Compostaxe Doméstica, Sogama entregou xa un total de 10.900 composteiros a 108 centros escolares, 18 colectivos sociais e 188 entidades locais, entre eles o Concello de Marín

Avanza tamén que o vindeiro exercicio o seu departamento volverá convocar unha orde de axudas destinada a colaborar cos municipios na xestión dos seus residuos urbanos, cun orzamento “histórico” de 2,6 millóns de euros

Marín (Pontevedra), 28 de outubro de 2019-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repartirá gratuitamente o próximo ano 3.000 novos composteiros entre concellos, centros educativos e colectivos sociais a través do programa de Compostaxe Doméstica, impulsado e xestionado por Sogama. Así o avanzou esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez, que aproveitou unha visita ao Concello de Marín, un dos municipios adheridos á iniciativa, para valorar o proxecto e poñer en valor os esforzos do seu departamento por mellorar a xestión da fracción orgánica do lixo a través da elaboración de compost.

Tras lembrar que algo máis do 40% da bolsa negra dos fogares está composta por materia orgánica, subliñou a importancia de recoller e tratar de forma axeitada os biorresiduos para camiñar con paso firme cara ao chamado vertido técnico 0, é dicir, que só acaban en vertedoiros aqueles residuos que sexa imposible reciclar ou valorizar.

Neste sentido, a conselleira referiuse ao triplo beneficio que reporta a fabricación de compost a partir de residuos orgánicos, xa que, por un lado, contribúese á mellora do medio ambiente ao reducir as emisións de CO2, por outro conséguese un fertilizante de calidade grazas á recuperación dunha práctica tradicional do rural galego, e por último, tamén se logran reducir os custos dos servizos municipais de recollida do lixo.

Precisamente, Ángeles Vázquez fixo especial fincapé nas iniciativas e axudas que pon a Xunta á disposición dos concellos, responsables últimos da xestión dos residuos urbanos, co fin de axudalos a chegar aos obxectivos fixados por Europa nesta materia. Así, avanzou que nas contas de 2020 do departamento autonómico, presentadas no Parlamento o pasado venres, reservaranse case seis millóns de euros para mellorar a xestión da fracción orgánica do lixo e avanzar cara á súa valorización.

En concreto, a conselleira referiuse á partida de cinco millóns destinada a iniciar a posta en marcha de tres novas plantas públicas de tratamento de biorresiduos domésticos (unha por provincia, que se sumarían á planta deste tipo que xa hai en Cerceda) e a unha nova orde de axudas, dotada con 700.000 euros, para desenvolver instalacións con capacidade para tratar a fracción orgánica, tanto a iniciativa dos concellos como de empresas privadas.

Ademais, Ángeles Vázquez tamén explicou que o seu departamento volverá convocar o próximo ano unha liña de subvencións destinada a colaborar cos municipios na xestión dos residuos urbanos, salientando que, neste caso, a orde contará cun orzamento “histórico” de 2,6 millóns de euros.

Iniciativas de compostaxe en marcha

Desde a posta en marcha do programa de Compostaxe Doméstica, como explicou a conselleira, Sogama xa distribuíu gratuitamente un total de 10.900 composteiros entre 314 entidades, maioritariamente concellos (188 en toda Galicia), centros educativos (108) e colectivos e entidades sociais (18). Cada un destes dispositivos para facer compost teñen entre 360 e 400 litros de capacidade e están realizados a partir de materiais reciclados, o que permite que, ao final da súa vida útil, sexan totalmente recuperables.

Tras subliñar que a provincia de Pontevedra é a máis beneficiada por este programa, cun total de 3.560 composteiros domésticos e 38 municipios adheridos, Ángeles Vázquez explicou que o seu departamento seguirá apostando o próximo ano por este programa, ao que se lle dará un pulo importante co reparto de 3.000 novos dispositivos para compostar residuos orgánicos en toda a comunidade.

Así mesmo, tamén se referiu a outros proxectos e iniciativas impulsados pola Consellería de Medio Ambiente nos últimos meses co obxectivo de fomentar a compostaxe e a educación arredor do tratamento da fracción orgánica e os seus beneficios medioambientais.

Neste sentido, lembrou o programa de compostaxe escolar posto en marcha este curso e do que se beneficiarán arredor de 10.000 alumnos de 30 centros de Educación Infantil e Primaria; aos proxectos demostrativos que se están a desenvolver nos concellos de Mondoñedo e As Nogais, no primeiro caso, centrado na compostaxe comunitaria e no segundo, a nivel doméstico; ou á iniciativa RES2VALHUM de cooperación transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal, para poñer en valor a materia orgánica e evitar o seu depósito en vertedoiros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 28/10/2019