Medio Ambiente e a Federación Galega de Caza fan un seguimento das implicacións da declaración da emerxencia cinexética temporal en catro áreas de Galicia

Sinalan que a modificación da normativa actual, que prevé que se poidan autorizar modalidades como a caza “en man” ou “ao salto” é unha medida excepcional e preventiva ante a posibilidade de risco sanitario pola peste porcina

Recordan que as xefaturas territoriais son os puntos de referencia para a posta en marcha das medidas nas áreas declaradas de emerxencia cinexética temporal

Reiteran que os representantes das sociedades de cazadores das comarcas na que se ten declarado a emerxencia cinexética só terán que comunicar á xefatura territorial correspondente a súa intención de facer batidas durante as xornadas que non estean recollidas xa no seu plan cinexético anual

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2019

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e un grupo de representantes da Federación Galega de Caza veñen de facer un seguimento das implicacións da declaración de emerxencia cinexética temporal en catro áreas galegas, unha medida adoptada polo Goberno galego en resposta á actual problemática do xabaril.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, agradeceu o interese da Federación Galega de Caza, sobre todo tendo en conta que é a entidade máis representativa deste colectivo na Comunidade. Tamén defendeu o papel de interlocutor imprescindible desta colectivo á hora de establecer mecanismos de colaboración entre Administración e cazadores na adopción de medidas de prevención e control dos danos ocasionados por especies cinexéticas, así como na divulgación entre o sector de información básica para o desempeño da práctica cinexética.

Ángeles Vázquez aclarou que dada a situación actual, e co fin de incrementar a efectividade no control sobre as poboacións do xabaril, outra das medidas previstas pola Xunta foi a modificación da normativa actual (Lei de caza), de xeito que se poida autorizar a caza de xabaril mediante outras modalidades que se adoitan a empregar na caza menor, como a caza “en man” ou “ao salto”. Con esta modificación preténdese optimizar o esforzo de caza, incrementando a efectividade do aproveitamento cinexético sobre esta especie, ao non ser necesario contar cun número elevado de cazadores. En todo caso, esta medidas só sería aplicable coa modificación da orde de vedas, para aquelas situacións excepcionais que non están a dar actualmente.

Explicou que, dado o problema actual que está a xerar o xabaril, con danos substanciais sobre os cultivos, accidentes de tráfico, irrupción en zonas antropizadas e risco sanitario derivado da presenza da peste porcina africana en Europa, polo papel vector desta especie na transmisión da enfermidade, considérase unha medida necesaria e complementaria ao resto de accións do plan de control do xabaril

Na reunión tamén recordou que -tal e como a directora xeral xa avanzou nas reunións que mantivo cos tecores presentes nas catro áreas nas que se declarou a emerxencia cinexética- as Xefaturas Territoriais son o enlace para a posta en marcha das medidas a curto e medio prazo que se prevén executar tras a declaración de emerxencia cinexética temporal nestas áreas.

Outra medida xa activada desde o 2 de outubro, cando se publicou a modificación da Resolución Anual de Vedas, é que en todos os concellos da Comunidade as autorizacións de caza por danos se realizarán de xeito inmediato e así dar unha solución á situación que está a provocar esta especie, cada vez máis habitual nas zonas periurbanas.

Así, en todos os casos requirirase unicamente unha comunicación previa á xefatura territorial correspondente, efectuada cunha antelación mínima de 10 días naturais, o que supón unha importante axilización dos trámites necesarios para poder levar a cabo estas accións. Non obstante, a directora xeral aclarou que, no caso dos tecores, só deberán presentar esta comunicación para poder cazar para aquelas xornadas que non estiveran previstas xa dentro do seu plan anual cinexético 2019/2020.