O conselleiro do Medio Rural deu conta dos orzamentos de 2020 que se centrarán na prevención, na recuperación e na calidade como liñas mestras
A Xunta representará a Galicia rural do futuro e promocionará a imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais nunha parcela escaparate en Boqueixón

Celebrará un concurso de ideas para deseñar este centro de promoción e imaxe da calidade do medio rural a escasos 15 minutos da capital de Galicia

Medio Rural contará cun presuposto de 540 millóns, un 4% superior ao de 2019

José González destacou a suba de partidas como as dirixidas á mobilidade de terras e ás melloras para o persoal e os medios de loita contra o lume

Enxalzou a aposta da Xunta por un monte multifuncional, vivo, dinámico e con sustentabilidade medioambiental, económica e social e fixo especial énfase no apoio ás pequenas e medianas explotacións para facelas máis rendibles

Avanzou que a futura Lei de recuperación e posta en valor das terras agrarias entrará no Parlamento no mes de novembro

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2019

A Consellería do Medio Rural disporá en 2020 dun orzamento de preto de 540 millóns de euros, o que supón un incremento do 4,16% respecto ao exercicio de 2019. Así o explicou o seu titular, José González, na súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento para dar conta dos presupostos para o vindeiro ano. Na súa intervención debullou polo miúdo as tres pezas que conformarán o rural do futuro “un rural baseado na prevención, na recuperación e na calidade co obxectivo de facelo un lugar cobizado para vivir, rendible e seguro”, dixo.

Calidade

Ao fío disto e en relación cun dos tres eixos de actuación, o da calidade agroalimentaria galega, José González anunciou que a Xunta vai representar a Galicia rural do futuro nunha parcela escaparate situada nas instalacións do Centro de formación e experimentación agroforestal de Sergude, no municipio coruñés de Boqueixón. Nestas instalacións, dunha superficie de arredor de 90 hectáreas, a Xunta promocionará a imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais da nosa comunidade. Para iso, o vindeiro ano celebrarase un concurso de ideas para deseñar este centro de promoción e imaxe da calidade do medio rural galego. Nel representaranse as razas autóctonas de Galicia, as plantacións forestais, instalacións de transformación, espazos gastronómicos e ata un centro de negocios, “representaremos a calidade do rural galego no mellor espazo imaxinable a escasos 15 minutos da capital de Galicia e a 10 de Lavacolla”, remarcou José González.

Así, o conselleiro adiantou a posta en marcha dunha marca agroalimentaria de calidade que servirá para apoiar a promoción no ámbito nacional e internacional dos produtos que reflicten a excelencia do rural galego. Doutra banda, tamén se referiu á aposta por reforzar os elos da formación e innovación agroalimentaria nos centros propios de investigación e formación da Consellería, con máis de 1,7 millóns de euros. Para iso, estase deseñando unha nova estrutura organizativa dos centros co fin de facilitar o acceso á financiación e adaptar esa formación e innovación ás necesidades e requirimentos das industrias agroalimentarias.

Debullando a pata da calidade, o titular de Medio Rural incidiu en que o ano 2020 vai ser o da consolidación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Nesta liña, destacou que os seus orzamentos medrarán case un 15% e servirán para impulsar accións de promoción, iniciativas relacionadas co I+D+i e reforzar o apoio ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas.

Neste aspecto, José González explicou que unha das partidas máis relevantes dos orzamentos será a destinada ás axudas para o sector agroindustrial, para o que se destinarán 17 millóns de euros para realizar unha convocatoria plurianual de axudas por un importe total previsto de 26 millóns de euros, ao engadir anualidades do 2021 e do 2022. Ademais, fixo especial énfase no apoio ao sector vitivinícola, para o que o seu departamento destinará 4,2 millóns de euros co obxecto de mellorar instalacións de elaboración e comercialización e poñer a andar medidas de promoción en terceiros países. En relación con este eido, a maiores da posta en marcha da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, resaltou tamén o inicio da actualización do Rexistro Vitícola de Galicia, no que se investirán 916.000 euros entre este ano e o que vén.

Na súa intervención, o conselleiro abordou tamén a aposta pola calidade das producións agrarias máis alá da calidade diferenciada. Ao fío disto, explicou que é unha prioridade do seu departamento a de manter a saúde e vitalidade da cabana gandeira, vexetal e forestal para obter producións sans. No relativo ao impulso da gandaría, destacou o incremento do 67% no presuposto para o desenvolvemento do programa de mellora xenética do frisón e tamén o incremento de máis do 40% nas achegas para as agrupacións de razas autóctonas. No eido vexetal, José González puxo en valor o incremento, nun 24%, do diñeiro destinado a facer fronte a organismos de corentena en certas producións.

Todo isto, engadiu o conselleiro, incardínase cos esforzos para modernizar e diversificar o tecido produtivo rural. Neste sentido, dixo, aumentará nun 17% o orzamento das axudas ás explotacións, ata acadar máis de 87 millóns de euros. Serán fondos para financiar os plans de mellora, a incorporación de mozos, o apoio ás pequenas explotacións, a promoción da remuda xeracional no agro, o fomento de emprego -con especial atención ao colectivo das mulleres- e a mellora da competitividade das explotacións, entre outras actuacións.

Recuperación

Noutra das pezas que conforman os orzamentos, a da recuperación, o conselleiro anunciou que a futura Lei de recuperación e posta en valor das terras agrarias -que está elaborando a Consellería do Medio Rural xunto co Grupo Parlamentario Popular-, entrará na Cámara ao longo do mes de novembro. Na elaboración desta norma, sinalou González, “participaron e colaboraron as mellores mentes sen importar a ideoloxía, só foron relevantes dous elementos: amar o rural galego e ter grandes coñecementos del”.

Nesta liña da recuperación, o titular de Medio Rural avanzou que os orzamentos para impulsar proxectos de mobilidade de terras e aldeas modelo vanse duplicar, ata chegar aos 4,5 millóns de euros, coa finalidade de recuperar áreas en desuso, poñéndoas a producir para sacarlle rendibilidade económica, axudando, ao tempo, a previr incendios. “A prevención e a recuperación aquí están completamente enlazadas entre si”, aclarou.

Tamén dende unha perspectiva territorial, o conselleiro destacou que se vai intensificar e mellorar a presenza da Consellería por toda Galicia. Farase, dixo, con melloras na rede fixa de oficinas agrarias comarcais a través dun plan plurianual de modernización, pero tamén coa posta en marcha dunha oficina agraria itinerante que se chamará “Rural sobre rodas”, unhas melloras nas que a Xunta investirá 1,2 millóns para ofrecer máis prestacións para os profesionais que exercen a súa actividade no rural. Tamén avanzou a posta en marcha do servizo de matadoiro móbil, que se desprazará ás pequenas e medianas explotacións de alta montaña ou illadas dos matadoiros para facilitar esta actividade.

Prevención

A outra peza chave das contas é a anticipación aos lumes. Un aspecto no que José González reiterou a súa aposta para facerlle fronte, orientando o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios cara a prevención e poñendo en marcha un proceso participativo para redactar a futura Lei de prevención e extinción de incendios forestais. Nel participarán os profesionais do SPDCIF, o Centro de investigacións Forestais de Lourizán e os diferentes sectores representados no Consello Forestal. Ademais, lembrou que se convidou a todos os grupos parlamentarios a asinar un gran pacto da Comunidade Autónoma de Galicia a prol dunha estratexia conxunta na loita contra os incendios.

A maiores, neste eido preventivo, é de especial relevancia contar cos medios humanos e materiais para que “todo o servizo teña sempre o que precise, con renovacións planificadas”, sinalou. Así, en canto ao factor humano, o conselleiro trasladou a aposta palpable por mellorar as condicións de traballo dos profesionais do servizo e, por ende, a prevención que realizan estes traballadores no territorio. Fixo especial énfase no aumento do período de despregue dos efectivos que no 2017 traballaban durante tres meses e que no 2020 chegará ata os seis meses, de forma que se concreta o compromiso adquirido pola Xunta de dobrar o tempo de traballo destes profesionais.

Nesta mesma liña, o conselleiro puxo en valor o esforzo do seu departamento para mellorar a dotación de medios do persoal que loita contra o lume, que se plasma nun orzamento de 3,4 millóns de euros para renovar o seu equipamento. Isto, dixo, complementarase cos máis de 2,7 millóns de euros que investiremos na adquisición dunhas 11 novas motobombas. Ademais reforzarase o plan de formación e potenciarase a colaboración cos concellos, cun montante de 7,7 millóns de euros para fornecer o convenio de protección das aldeas asinado coa Fegamp e con Seaga e incrementarase case un 13%, ata chegar aos case 20 millóns de euros, a dotación dos acordos coas entidades locais para brigadas forestais, vehículos motobomba e rozas.

En materia de planificación e ordenación forestal, José González insistiu na aposta da Xunta por “un monte ordenado e con biomasa controlada, xa que é a mellor devasa natural contra os incendios forestais”, dixo, ao tempo que remarcou “a aposta clara por un monte multifuncional, vivo, dinámico e con sustentabilidade medioambiental, económica e social”. Todo isto, adiantou o titular de Medio Rural, materializarase nun incremento de máis do 43% nas partidas de investimentos para estas finalidades. Así, cos 21 millóns de euros presupostados financiarase a plantación en montes de xestión pública, os tratamentos silvícolas, a sanidade forestal ou a mellora xenética, a través da produción de material forestal da máxima calidade. Ademais, subliñou José González, levarase a cabo o Inventario Forestal continuo de Galicia, no que se investirán 650.000 euros. Todo isto, dixo, complementarase coas diferentes liñas de axudas por importe de 26,6 millóns de euros para que o sector cree superficies forestais, faga accións silvícolas e se fomente a agrupación dos titulares de montes.

A maiores, José González destacou outras accións que serán especialmente relevantes nas liñas mestras da prevención. Así, anunciou a posta en marcha dun plan de erradicación de acacias e a súa substitución por frondosas ou piñeiros, lembrou a posta en marcha do plan de recuperación de soutos tradicionais, no que se investirán máis de dous millóns de euros, e tamén recordou a implantación de pasteiros en terreos forestais das comunidades de montes en man común para os que se destinarán dous millóns de euros. “Isto si que é prevención real, unha aposta espectacular pola prevención”, sentenciou.

Por último, o conselleiro concluíu que todo este orzamento representa “un medio rural multifuncional, vivo, dinámico e sostible, un rural de futuro escoitando as características do pasado, un rural móbil para ese rural fixo galego”, finalizou.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/10/2019