A Xunta apoia un proxecto de sensibilización do patrimonio natural e agrario dirixido a escolares do Grupo de Desenvolvemento Rural Adercou

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na plantación de castiñeiros e recollida de setas na contorna do castelo da Peroxa que forma parte da iniciativa

O proxecto desenvólvese grazas ás achegas da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ao abeiro do plan Leader que contribúen á dinamización do agro

A Peroxa (Ourense), 29 de outubro de 2019

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na Peroxa nunha plantación de castiñeiros e recollida de setas por parte de escolares dos centros educativos de Coles e A Peroxa. Este acto enmárcase no proxecto de valorización e acción de sensibilización do patrimonio natural, turístico e agrario O noso rural, o noso futuro, posto en marcha polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) 11 Adercou grazas aos fondos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ao abeiro do plan Leader.

Díaz Mouteira subliñou a importancia de iniciativas como a desenvolvida hoxe polo GDR Adercou, integrado por 17 concellos da provincia ourensá, que poñen en valor a recuperación das arbores autóctonas e de produtos agroalimentarios de calidade, como son as castañas e setas, co obxectivo de sensibilizar ás novas xeracións sobre a importancia do respecto ao medio ambiente e da riqueza que supón o medio rural no que viven.

A asociación Adercou xestiona os fondos Leader en 17 concellos da provincia de Ourense, da área de influencia da capital. Na convocatoria 2019-2020 este colectivo financiará un total de 12 proxectos, cun importe de axuda de máis de 692.000 euros para un investimento total que supera o 1,1 millóns de euros. Marisol Díaz explicou que con estes fondos a Xunta de Galicia apoia iniciativas que teñen que ver con eidos coma o agrícola e forestal, os servizos sociais, a promoción empresarial ou a acción cultural e turística, promovidos por entidades locais ou por particulares e que se desenvolverán nalgún dos concellos que integran o GDR11.

A representante do Goberno galego fixo fincapé na importancia destas axudas do Leader e no seu enfoque “de abaixo a arriba”, de forma que son os axentes do territorio, tales como asociacións ou concellos, os que determinan onde se debe investir para acadar os obxectivos de crear e soster un agro máis vivo e con mellor calidade de vida. Trátase, en definitiva, de frear a despoboación rural aportando fondos cos que ofrecer alternativas económicas e creando novas zonas de desenvolvemento nesas rexións.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/10/2019