O presidente da Xunta participou, esta mañá, na inauguración da sexta edición da xornada El mundo que viene, organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección
Feijóo afirma que Galicia seguirá afrontando o futuro con realismo, dicindo a verdade e con estabilidade, claves para xerar un hábitat propicio para a iniciativa empresarial

Asegura que Galicia seguirá innovando nos sectores produtivos tradicionais –como o naval, a automoción, o forestal ou o agroalimentario-, pero tamén nos sectores máis puxantes e pioneiros como o aeroespacial ou a biotecnoloxía

Reitera a necesidade dunha transición enerxética gradual e non abrupta “porque, do contrario, no camiño poden quedarse miles de traballadores e de familias e boa parte da competitividade da nosa economía”, di

Subliña que “nese mundo que vén”, Galicia ten un lugar porque o está a gañar coa súa laboriosidade, creatividade e “porque aposta pola estabilidade”
 

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2019

O presidente a Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que Galicia seguirá afrontando o futuro con realismo, dicindo a verdade e con estabilidade, elementos clave, dixo, para xerar un hábitat propicio para a iniciativa empresarial. “Transmitir a verdade do que ocorre respectando a madurez da sociedade, e proporcionar estabilidade mediante actuacións que unan á xente en torno a espazos comúns”, aseverou.

Durante a inauguración da sexta edición da xornada El mundo que viene, organizada pola Asociación para el Progreso de la Dirección (APD), Feijóo subliñou que o Goberno galego seguirá traballando para dar resposta ás necesidades que depara o futuro e que, no ámbito económico, métennos de cheo na cuarta revolución industrial.

Así, asegurou que a Comunidade seguirá innovando nos sectores produtivos máis tradicionais –como o naval, a automoción, o forestal ou o agroalimentario-, pero tamén noutros sectores máis puxantes e pioneiros como o sector aeroespacial ou a biotecnoloxía; e a industria 4.0 continuará sendo unha das áreas ás que máis recursos se destinen.

Logo de recordar que Galicia é unha das dúas autonomías nas que se está desenvolvendo de forma pioneira a tecnoloxía 5G, o responsable autonómico lembrou o esforzo da Administración galega para incentivar a I+D+i a través dos recursos públicos, cun incremento do 60% no que vai de lexislatura. Ademais de garantir o compromiso de preparar ás novas xeracións para que poidan responder aos novos perfís profesionais que vai demandar o mundo laboral, a través da Formación Profesional e dun novo mapa de titulación universitarias.

Así mesmo, e co obxectivo de adaptar o sector loxístico ás novas necesidades da industria, Feijóo reiterou que nas vindeiras semanas aprobarase unha Estratexia loxística para que Galicia sexa máis áxil en todas as necesidades que hai nesta área; para que os retos derivados da internacionalización das cadeas de subministro, dos cambios tecnolóxicos ou das novas pautas de consumo teñan unha resposta.

Ao longo da súa intervención, Feijóo sostivo que afrontar o mundo que vén é afrontar as fortalezas que ofrece pero tamén protexerse das debilidades que pode carrexar, dixo, en alusión á transición enerxética.

Ao respecto, reiterou a necesidade dunha transición enerxética gradual e non abrupta “porque, do contrario, no camiño poden quedarse miles de traballadores e de familias e boa parte da competitividade da nosa economía”. “As Pontes, Alcoa e outro etcétera que compoñen uns 10.000 postos de traballo da industria galega saben do que falamos”, dixo, incidindo en que falar de futuro aos galegos que traballan nestas empresas ten que significar falarlles de oportunidades e de emprego, non de peche sen máis alternativas.

Feijóo reivindicou neste, e en todos os asuntos, a verdade, porque “debuxar un futuro feliz no que non se ten en conta as consecuencias da desaceleración é un erro, no que caemos e do que aínda non nos recuperamos de todo”, matizou, facendo fincapé na necesidade de non volver a tropezar “nesa mesma pedra”.

Sobre este asunto, precisou que Galicia goza dunha cultura política afastada de “ensoñacións” e asentada na realidade, na que participaron gobernos de partidos diferentes.

Ese realismo político que para nada está rifado con obxectivos ambiciosos aplicouse tamén, segundo o presidente da Xunta, na crise pasada cunhas consecuencias positivas non só en termos económicos, senón tamén sociais, ao permitir aplicar medidas con tempo suficiente e, en consecuencia, medias graduadas, evitando así choques demasiado bruscos e conflitos desestabilizadores.

O responsable do Executivo galego concluíu sentenciando que “nese mundo que vén”, Galicia ten un lugar porque o está a gañar coa súa laboriosidade, creatividade e “porque aposta pola estabilidade”.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/10/2019