A Consellería do Mar destaca a importancia de contar co sector na avaliación das pesqueiras
Burela (Lugo), 30 de outubro de 2019

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, destacou hoxe a importancia de contar cos pescadores á hora de avaliar as pesqueiras co obxectivo de que a distancia entre as estimacións dos científicos e as que fan os propios mariñeiros sexa cada vez menor. A representante da Consellería do Mar defendeu a necesidade de que o sector participe neses estudos durante a inauguración do Seminario científico-técnico A-B-C da ciencia pesqueira, organizado pola Confederación Española de Pesca (Cepesca) e a Organización de Produtores Pesqueiros (OPP-07) de Lugo no marco do proxecto PesConect: conectando a ciencia e a pesca para unha xestión sustentable do medio mariño, que pretende fomentar a cooperación entre o sector científico e a industria pesqueira.

Mercedes Rodríguez explicou que a recompilación de datos e a investigación científica son fundamentais para realizar unha boa xestión pesqueira e salientou que non é suficiente coa información procedente das notas de primeira venda senón que é preciso contar tamén cos datos que se obteñen a bordo dos pesqueiros. Neste sentido, enxalzou o labor da Unidade Técnica de Pesca de Baixura (UTPB), o servizo galego de recollida e de tratamento de datos pesqueiros, que ten como obxectivo contar cos mellores informes posibles sobre a actividade extractiva da frota de artes menores e sobre a situación dos distintos stocks para poder adoptar as mellores decisións na súa xestión.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 30/10/2019