Paradela acolle a celebración do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou nun dos actos organizados pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística en colaboración con concellos e co apoio da Xunta

O cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño, no que se colocou unha placa conmemorativa, é o único de Galicia con todas as inscricións funerarias en galego

Ribadavia, Castro Caldelas, Quintela de Leirado, Parada de Sil, San Xoán de Río, Redondela, Gondomar, Tui, Vila de Cruces, Agolada e Outes tamén se suman á iniciativa na véspera das celebracións de Todos os Santos e de Defuntos
 

Paradela (Lugo), 31 de outubro de 2019

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, participou hoxe ao mediodía nos actos con motivo do Día da restauración da memoria lingüística de Galicia que se celebraron na Casa do Concello de Paradela e mais no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño, o único de Galicia que ten todas as inscricións funerarias escritas en galego. Os ditos actos encádranse nunha iniciativa da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e de diferentes concellos co apoio da Xunta na véspera das celebracións de Todos os Santos e de Defuntos.

Valentín García sinalou que “queremos, por unha banda, lembrar hoxe a todos os galegos e galegas que nos precederon e nos legaron a lingua propia e maioritaria de Galicia, aquela que nos enorgullecemos de falar e de continuar transmitindo; por outra banda, aspiramos a animar a todos os bos e xenerosos, a todas as boas e xenerosas, a sumarse á iniciativa En galego, agora e sempre para que a lingua que nos identifica en vida se empregue tamén nas celebracións funerarias, de maneira que entre todos conquistemos tamén este ámbito de uso para o galego”.

Xunto con Valentín García, interviñeron na conmemoración o alcalde de Paradela, José Manuel Mato; a alcaldesa de Guntín, María José Gómez; o presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, Xosé González, e o crego e musicólogo Xesús Mato, a cuxa iniciativa se debe que todas as inscricións funerarias do cemiterio de San Facundo de Ribas de Miño estean escritas en galego.

‘En galego, agora e sempre’

Os actos iniciáronse a mediodía na Casa do Concello de Paradela, onde se convidou os asistentes a asinar a acta de reafirmación da galeguidade pola que os cidadáns e cidadás que o desexan participan na iniciativa En galego, agora e sempre, coa que mostran a súa vontade de que a súa despedida vital, funerais e cerimonias fúnebres se celebren en idioma galego. Desde a capital do concello, autoridades e veciños trasladáronse despois á parroquia de San Facundo de Ribas de Miño, onde se descubriu unha placa que deixou constancia da conmemoración, se visitaron o cemiterio e a igrexa e o crego e musicólogo Xesús Mato Mato, fillo predilecto do concello de Paradela, rezou un responso polos que descansan naquel camposanto.

A parroquia de San Facundo de Ribas de Miño, situada no concello de Paradela, distínguese entre as do resto de Galicia porque o seu camposanto ten todas as lápidas en galego tras un acordo dos veciños que, co apoio do crego Xesús Mato, decidiron remodelar o cemiterio unificando o deseño das sepulturas, así como a tipografía e o idioma dos textos escritos nelas.

A Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, co apoio da Consellería de Cultura e Turismo, celebra este outono actos de reafirmación da galeguidade semellantes ao que hoxe tivo lugar en Paradela en diferentes parroquias e concellos galegos, tales como Castro Caldelas, Quintela de Leirado, Parada de Sil, San Xoán de Río, Redondela, Ribadavia, Gondomar, Tui, Vila de Cruces, Agolada ou Outes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 31/10/2019