O 061 de Galicia asistiu a 136 persoas por 96 accidentes de circulación durante a ponte de Todos os Santos

Desde as 15,00 horas do xoves, 31 de outubro, ata as 23,59 horas do domingo, 3 de novembro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 126 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 3 de novembro de 2019

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 136 persoas debido a 96 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 31 de outubro, ata as 23,59 horas do domingo, 3 de novembro. Os días que rexistraron máis incidentes foron o xoves e o venres con 27 sinistros ambos os dous.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 126 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 96 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 136 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 57% e do 43% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 32% dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes con 41 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 

Provincia
Accidentes

A Coruña

38
Lugo
6
Ourense
11
Pontevedra
41
Galicia
96

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 121. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en 13 accidentes, o helicóptero medicalizado asistiu en dúas ocasións, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 95 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en sete accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en catro sinistros de circulación.

En 112 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 19 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e cinco persoas faleceron no punto.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 04/11/2019