A Xunta resolve axudas para un cento de comerciantes e artesáns da provincia de Lugo por importe total de case 670.000 euros

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, subliñou que máis do 65% foron destinadas a medidas de dixitalización, como páxinas web, xestión de redes ou venda en liña

Lugo, 4 de novembro de 2019

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar a resolución do programa de axudas para a innovación, implantación de novas fórmulas de comercialización e expansión do comercio de proximidade e os obradoiros artesáns, que na provincia de Lugo suman 101 beneficiarios e un orzamento global de 664.800 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que este programa enmárcase na estratexia Comercio 360, unha iniciativa que responde aos cambios que a dixitalización e os novos hábitos de consumo están introducindo no sector, anticipándose así ás necesidades dos consumidores.

Neste sentido, Balseiro subliñou que “os empresarios están a realizar un gran esforzo por conxugar os valores do comercio tradicional coa modernidade e coa nova realidade virtual”, como demostra o feito de que o 65,2% das axudas foron destinadas a medidas de dixitalización, como a creación de páxinas web, xestión de redes, venda en liña ou a mellora da imaxe dixital en xeral.

O programa tamén habilita unha liña de apoio para os proxectos de modernización integral de locais comerciais incluídos nun proxecto de decoración e interiorismo, concepto que foi o segundo máis requirido na provincia e aglutinou o 26,7% das achegas concedidas. En canto a outras liñas, o 5,3% das axudas foron destinadas á adquisición de equipamentos e o 2,8% a proxectos de expansión comercial, isto é, para a apertura de novos establecementos por parte de empresas xa existentes.

Un mesmo solicitante pode acollerse a máis dunha liña de entre as propostas na orde de convocatoria das subvencións. No caso de Lugo, aprobáronse 116 expedientes de axuda para os 101 beneficiarios, que presentaron un investimento mobilizado conxunto de 1.024.400 euros. A porcentaxe media das achegas sitúase no 65% do investimento, se ben pode oscilar entre o 50% e o 80% segundo o concepto ou liña de subvención de que se trate.

A maior parte dos investimentos realízanse no concello da capital (39), contando a comarca de Lugo con 41 beneficiarios. A continuación sitúase a comarca da Mariña, con 23; Sarria e A Ulloa suman 15, 13 as comarcas da zona sur e 9 a Terra Chá.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/11/2019