Así o defendeu o conselleiro José González na apertura da xornada 'De camiño ao mundo rural', no marco do Congreso Internacional sobre desenvolvemento e turismo
A Xunta aposta por un rural "forte e vital" mediante a súa recuperación, a prevención e a calidade para dar cohesión a Galicia

O titular de Medio Rural avogou por un agro que se converta no motor económico de Galicia, en clave de progreso, futuro e emprendemento

Destacou os apoios públicos aos modelos de negocio no rural, ás explotacións e ao fomento da súa asociación así como á remuda xeracional como mostras desa aposta do Goberno galego

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2019

“Un rural forte é vital para dar cohesión a Galicia” e por iso “a Xunta quere seguir apostando polo noso agro”. Unha aposta que se materializa en apoios aos modelos de negocio no rural, ás explotacións e ao fomento da súa asociación ou aos mozos, para que se incorporen e contribúan ao rexuvenecemento dos sectores produtivos, “un piar fundamental para evitar o abandono”.

Así o reafirmou esta mañá o conselleiro José González na apertura da xornada “De camiño ao mundo rural”, no marco do Congreso Internacional sobre desenvolvemento rural e turismo, no que participa a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO). Neste contexto, o titular de Medio Rural insistiu nos tres eixos que vertebran a acción do Goberno galego a prol do agro: a prevención, a recuperación e a calidade.

Sobre o primeiro destes piares, a prevención, José González explicou que é un sinónimo de conservación desa “Galicia verde que a todos nos fascina” e referiuse a actividades promovidas pola Xunta como a recuperación forestal, o reforzo á liña de tratamentos silvícolas, a sanidade forestal ou o impulso ao inventario forestal continuo da nosa comunidade.

No que atinxe á recuperación, ligou este concepto coa ordenación do territorio rural, para o que xogará un papel decisivo -dixo- a futura Lei de recuperación e posta en valor de terras agrarias. Deste texto legal, que entrará en breve no Parlamento, salientou a iniciativa das aldeas modelo que, advertiu, “xa empezan a ser coñecidas e que son exemplo do rural que vén”.

Excelencia da produción agroalimentaria

Con respecto á calidade, vinculouna coa alimentación atlántica e coa “excelencia” desa despensa galega conformada por produtos agroalimentarios de primeiro nivel. Engadiu, nesta liña, que “traballar pola calidade é facelo polo progreso de Galicia” e que “non hai nada que nos encha máis de orgullo aos galegos que falar do noso”, en referencia ás diferentes denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas das que podemos presumir.

Con todos estes alicerces, destacou o conselleiro, “queremos un rural que se converta no motor económico de Galicia”, porque -engadiu- “falar do rural é falar de progreso, futuro e emprendemento”. Apostou, por iso, por un agro “vivo e innovador, que sexa garantía de avance” e por cambiar a tendencia e facer que a xente se mude das cidades ás vilas e aos pobos, “porque neles atopan calidade de vida”.

Programa das xornadas

Estas xornadas sobre desenvolvemento rural e turismo organizadas pola Xunta celebraranse ata o vindeiro venres na Cidade da Cultura. O programa inclúe temáticas relacionadas co abandono das terras e a súa recuperación mediante instrumentos de mobilidade, a cuestión demográfica, o turismo no eido rural, o comercio dos produtos agroalimentarios, as mulleres rurais e o emprendemento. O evento, no que entre outros organismos colabora a FAO, participan arredor de 200 persoas de 35 nacionalidades diferentes, tales como Nixeria, Alemaña, Holanda e países da antiga Iugoslavia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/11/2019