Os veciños do lugar de Muimenta, no concello ourensán de Carballeda de Avia, entregan á Xunta as sinaturas para convertela na terceira aldea modelo de Galicia

A iniciativa recuperará e porá en valor na zona unha superficie de arredor de 30 hectáreas pertencente a 242 propietarios que contan con case 1.640 parcelas

O conxunto dos terreos destinarase a cultivos tradicionais da zona, como cereais e horta, entre outros
 

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2019

Os titulares catastrais das parcelas que rodean o lugar de Muimenta, no concello ourensán de Carballeda de Avia, entregaron á Xunta as súas sinaturas para converter este núcleo na terceira aldea modelo de Galicia. Así, co apoio do alcalde do municipio, Luís Milia, a Consellería do Medio Rural vén de recibir as sinaturas dos donos das parcelas para comezar cos labores de limpeza e posta en valor dun total de 29,14 hectáreas.

Así, nesta aldea realizarase a limpeza e a recuperación e posta en valor da faixa dos 50 metros máis próxima ao núcleo de poboación, no marco do convenio de protección das aldeas fronte o lume posto en marcha pola Xunta, Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O resto dos terreos ata o total da actuación, que pode acadar faixas de ata 150 metros, será posto en produción mediante a actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en colaboración cos produtores interesados no seu aproveitamento, para así crear actividade agrogandeira nelas, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc. Ao mesmo tempo, o conxunto dos terreos recuperados funcionarán como devasa natural fronte o lume, xa que serán os cultivos os actúen como método de protección, sen necesidade de rozar e limpar de forma periódica.

Neste caso concreto do lugar de Muimenta, a iniciativa de aldea modelo que promove a Xunta ten por obxectivo recuperar as terras en abandono da contorna da aldea, para así contribuír á súa posta en valor, mellorando a calidade de vida da súa poboación e, ao tempo, reforzando a prevención dos lumes na proximidade das vivendas. Esta actuación vai servir para recuperar unha trintena de hectáreas deste núcleo de poboación, para destinalas a cultivos tradicionais da zona, como cereais e horta, entre outros. Actuaríase nun total de 1.639 parcelas de 242 propietarios.

Todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual. Isto é, a aldea modelo suporá a obtención dun rendemento económico directo ou indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos –que conservarán sempre a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento– como para os interesados na súa posta en produción.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/11/2019