Ovidio Rodeiro informa que na terceira semana de campaña da gripe vacinaronse na provincia 134.770 persoas

O delegado territorial da Xunta lembrou a importancia de que toda a poboación se vacine, pero en particular os maiores de 60 anos ou os grupos considerados de alto risco

A Coruña, 06 de novembro de 2019

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, acudiu esta mañá ao Servizo Médico de Vixilancia da Saúde, situado no edificio administrativo da Xunta na Coruña, en Monelos para vacinarse contra a gripe. O representante do goberno autonómico acudiu acompañado pola xefa territorial de Sanidade, Cristina Pérez, e outros empregados da Delegación Territorial da Coruña.

Ovidio Rodeiro destacou que “este punto exclusivo para os traballadores da Xunta forma parte da rede de máis de 900 centros acreditados en toda Galicia, entre centros de atención primaria e especializada do Servizo Galego de Saúde, centros médicos e consultas privadas, residencias da terceira idade públicas ou privadas, centros penitenciarías, ou centros de menores e discapacitados, entre outros”.

O delegado territorial destacou que cumprida a terceira semana de campaña antigripal atópanse 134.770 vacinados na provincia da Coruña (no mesmo período do 2018 foron 130.303 vacinados); avanza a campaña a bo ritmo cun total de un 3,43% por enriba do derradeiro ano.

Na súa intervención o representante do Goberno autonómico destacou que “a gripe é unha enfermidade transmisible e previble, que pode evolucionar desde leve a grave e ser incluso mortal, sobre todo en persoas de risco”.

Por iso a Consellería de Sanidade realiza cada outono desde 1991, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública e do Servizo Galego de Saúde, a campaña de vacinación antigripal.

A vacina da gripe reformúlase cada ano debido á variación constante dos virus gripais, co obxectivo de que concorden os virus incluídos na vacina cos circulantes.

Ovidio Rodeiro destacou que “o gran esforzo económico da Administración galega na protección da saúde da poboación, adquirindo para esta campaña de vacinación antigripal 2019, mediante concurso público, 615.000 doses de vacina antigripal (7.000 doses máis que no 2018), o que supón un investimento de 3.466.632 € (1.300.000 € máis que no 2018)”.

A Consellería de Sanidade lembra que o obxectivo xeral desta iniciativa sempre é minimizar o impacto da gripe na saúde mediante a súa prevención tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela, para o que temos á nosa disposición máis de 300 puntos de vacinación nesta provincia, só temos que facer unha chamada para solicitar cita previa e aproveitar que non remata a campaña ata o 27 do próximo mes de decembro.

Dende a Xunta informan que a vacina en ningún caso pode producir a enfermidade, xa que a súa composición é de virus inactivados e fragmentados o que imposibilita que ocasione a gripe e que a Consellería de Sanidade proverá das vacinas necesarias para a vacinación da poboación.

É de especial importancia que acuda a vacinarse se está incluído en calquera dos seguintes grupos de risco (no caso de dúbida consulte co seu médico):

  • ten 60 ou máis anos
  • padece patoloxías crónicas (asma, obesidade mórbida, cardiopatía, enf celiaca...)
  • está embarazada (en calquera trimestre da xestación)
  • nenos entre 6 meses e 2 anos que naceron prematuros (< 32 semanas)
  • coida e/ou convive con calquera persoa pertencente a un dos grupos citados, para evitar transmitirlles a enfermidade
  • traballadores sanitarios
  • realiza traballos esenciais para a comunidade
  • profesionais que traballen en granxas avícolas ou de porcino.

A epidemia da gripe ten temporalidade anual. O pasado ano 2018 provocou na provincia o ingreso de 1.018 persoas, dos que o máis do 90 % tiñan algún factor de risco de padecer unha gripe complicada. Dos ingresados 6 %, tiveron de ser ingresados na UCI.

No ano 2018, finaron 65 veciños da provincia da Coruña polo proceso gripal ou as súas complicacións.

O lema da campaña deste ano é “A gripe vai chegar... Vacínate!”.

Datos comparativos das tres primeiras semanas das campañas 2019 e 2018:

 

Provincia da Coruña
 
2019
2018
2019
2018
2019
2018
2019
2018
 
Poboación Total
65 e máis anos
Embarazadas
Pers. Sanitario
1ª sem
51.171
49.699
35.610
36.041
600
448
2.189
1.833
2ª sem
48.454
47.641
34.371
33.509
614
404
593
717
3ª sem
35.145
32.963
24.053
23.665
379
426
384
550
Total (das 3 sem)
134.770
130.303
94.043
93.215
1.593
1.278
3.166
3.100
Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 06/11/2019