A Xunta colabora co Colexio de Médicos da Coruña para actuar contra as agresións aos facultativos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio co presidente do Colexio de Médicos da Coruña, Luciano Vidán, para dar resposta, a través da Axencia Galega de Emerxencias, ás situacións de risco dos profesionais médicos

O acordo contempla a instalación dun botón de alerta nos teléfonos móbiles dos médicos que, unha vez activado, permitirá poñer en marcha desde o Centro Integrado de Emerxencias 112 o protocolo de actuación para estes incidentes

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2019

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a necesidade de actuar na prevención e na erradicación das agresións ao persoal sanitario. Para contribuír a este obxectivo a Xunta, a través da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), colaborará co Colexio de Médicos da Coruña co obxectivo de dar unha resposta rápida e eficiente na xestión das incidencias relacionadas con intentos de agresión aos facultativos.

Alfonso Rueda asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente do Colexio de Médicos da Coruña, Luciano Vidán, mediante o cal se establece que na aplicación móbil creada polo Colexio para as súas xestións incluirase un botón de alerta de casos nos que o facultativo considere que a súa integridade física pode estar en perigo. Á sinatura do acordo tamén acudiron o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

O vicepresidente da Xunta sinalou que é preciso levar a cabo medidas coma estas para garantir a seguridade e a protección do persoal sanitario no seu posto de traballo e nas visitas domiciliarias ante ataques físicos ou verbais.

O acordo recolle que no momento que un facultativo pulse este botón de alerta na aplicación do Colexio instalada no seu teléfono móbil, xerarase unha chamada ao denominado Bus de Integración da Plataforma de Atención as Emerxencias (Gemma) do servizo de chamadas de urxencias 112 e, de maneira automática, indicarase que se trata dun intento de agresión a un médico.

O Centro Integrado de Emerxencias 112 de Galicia (CIAE 112 Galicia), grazas aos datos dos usuarios rexistrados na aplicación e as coordenadas GPS e a ubicación da incidencia, activará o protocolo de actuación para estes casos e mobilizará os efectivos necesarios.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/11/2019