Así o avanzou hoxe o director de Agader no marco do Congreso Internacional sobre desenvolvemento e turismo que se celebra na Cidade da Cultura
A Xunta desenvolve xa traballos previos en máis de 20 núcleos do rural para avaliar a súa declaración como aldeas modelo

O responsable da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural interveu neste foro cun relatorio sobre a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia

Pola súa banda, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) moderou dúas mesas redondas centradas nas indicacións xeográficas e o desenvolvemento rural

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2019

A Xunta está a desenvolver os traballos previos e preparatorios en máis de 20 núcleos de poboación do rural galego co fin de avaliar a posibilidade de convertelos en aldeas modelo. Así o anunciou hoxe o director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, na súa participación no Landnet Workshop co relatorio “A lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia: accións innovadoras para promover o uso da terra”, no marco do Congreso Internacional de Desenvolvemento Rural e Turismo que acolle esta semana a Cidade da Cultura.

O director xeral explicou que o obxectivo da iniciativa das aldeas modelo que promove o Goberno galego é recuperar as terras en abandono da contorna de cada núcleo, para así contribuír á súa posta en valor, mellorando a calidade de vida da súa poboación e, ao tempo, reforzando a prevención dos lumes na proximidade das vivendas.

Pérez Dubois enmarcou esta medida na futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia na que están a traballar a Xunta e o Grupo Parlamentario Popular. O responsable de Agader sinalou que esta norma ten por finalidade fomentar a recuperación dos terreos e loitar contra o abandono, facilitando, entre outras actuacións, o contacto entre os interesados en poñer a producir os terreos e os seus propietarios.

Para iso contemplaranse beneficios fiscais e outras medidas de fomento, procurando ao tempo mellorar a base territorial das explotacións, crear e manter emprego no rural e protexer o medio ambiente, especialmente no que atinxe á prevención dos incendios forestais.

Nesta liña, o director de Agader avanzou que a lei se baseará, fundamentalmente, no uso e na potenciación de dous instrumentos: o banco de terras, que se axilizará coa nova norma, e o banco de explotacións. En relación con este último, subliñou que servirá para apoiar e facilitar o contacto entre agricultores e gandeiros que vaian abandonar a súa actividade e outras persoas interesadas en darlle continuidade. Falou ademais doutras ferramentas, coma os polígonos agroforestais, os proxectos de uso comunitario da terra e a devandita iniciativa de aldeas modelo.

Mesas redondas

Dentro deste mesmo foro, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez, moderou esta mañá dúas mesas redondas sobre as indicacións xeográficas e o desenvolvemento rural. A primeira delas centrouse nunha visión desde as administracións e as organizacións do sector e a segunda avaliou diferentes casos de éxito.

Este Congreso Internacional será clausurado oficialmente mañá polo director de Agader e pecharase o venres cunha visita dos participantes a diversos proxectos vinculados ao desenvolvemento rural e o turismo situados en diferentes localizacións dentro de Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/11/2019