A Xunta aposta por fomentar a cultura da eficiencia enerxética en familias, empresas e administracións para garantir unha Galicia máis verde

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde en Vigo na xornada ‘Iberdrola: Autoconsumo e mobilidade eléctrica’

Destaca as axudas do Goberno galego para fomentar o autoconsumo e a aposta por unha mobilidade eficiente a través de plans para a substitución dos vehículos de más de 10 anos de antigüidade e doutro para a adquisición de automóbiles eléctricos ou alternativos

Defende unha transición enerxética xusta e ordenada que permita compatibilizar o impulso da industria coa protección de medio ambiente e que chegue, tamén, ao rural galego

Vigo, 6 de novembro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde en Vigo na xornada Iberdrola: autoconsumo e mobilidade eléctrica na que defendeu a aposta da Xunta por fomentar o uso das enerxías renovables e a cultura da eficiencia enerxética nos fogares, as empresas e as administracións para contrarrestar os efectos do cambio climático e garantir unha Galicia máis verde.

Conde referiuse ás axudas do Goberno galego para impulsar o autoconsumo, un modelo competitivo e accesible para uso residencial ou industrial grazas á facilidade para a súa instalación como pola variedade de ofertas de integración arquitectónica.

Tamén fixo fincapé na transición cara unha nova mobilidade na que se aumente o número de vehículos con menores emisións e que permita reducir tanto a contaminación como o impacto sonoro. Neste sentido enumerou as axudas que a Xunta puxo este ano en marcha como o plan para substituír automóbiles con máis de 10 anos de antigüidade con axudas de entre 1000 e 1500 euros e o Plan Moves, para adquirir vehículos eléctricos ou alternativos, con axudas que poden superan os 7000 euros. Entre as dúas convocatorias xa se recibiron 400 solicitudes. Conde reiterou o compromiso da Xunta por unha mobilidade eficiente que se plasma nos 5M€ que se recollerán nos orzamentos de 2020 e 2021 para a electrificación das furgonetas K9 de PSA en Vigo.

O conselleiro finalizou avogando por unha transición enerxética xusta e ordenada que compatibilice o impulso industrial coa protección do medio ambiente; que sexa capaz de facer fronte aos novos retos e que chegue, tamén, ao rural galego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/11/2019