Nava Castro salienta as oportunidades que o turismo ofrece ao rural galego para o seu impulso socioeconómico

A directora de Turismo participou hoxe na mesa redonda ‘Casos de éxito na iniciativa privada’ no Congreso Internacional de Desenvolvemento rural e turismo

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2019

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na mesa redonda Casos de éxito na iniciativa privada, no marco do Congreso Internacional de Desenvolvemento Rural e Turismo que se está a celebrar estas semana na cidade de Santiago de Compostela.

“A actividade turística no rural é quen de vincular a toda unha cadea de valor que permite que eses beneficios sexan máis visibles entre a poboación local”, salientou a directora de Turismo poñendo como exemplo o positivo impacto que está a ter, por exemplo, o Camiño de Santiago nestes territorios onde xera riqueza, é un elemento tractor para crear negocios e tamén para fixar poboación.

Importancia do turismo rural

Nava Castro destacou tamén a aposta da Xunta polo impulso do rural dun xeito transversal. Recordou o traballo da Administración autonómica para a súa recuperación, reforzando o seu papel como fonte de emprendemento. O potencial fluvial, o termalismo, a gastronomía ou os recursos naturais foron algúns dos elementos que salientou como claves para poder dinamizar o rural da man dunha actividade turística que os poña en valor e nos que se implique á poboación local.

Neste sentido, a directora recordou a importancia que o turismo rural ten no modelo turístico fomentando a desestacionalización e xerando sinerxías co sector primario, creando emprego e asentando poboación neste ámbito.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/11/2019