Almuiña destaca a aposta de Sanidade pola hospitalización a domicilio, co obxecto de potenciar esta modalidade asistencial
Vigo, 6 de novembro de 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou a firme aposta do seu departamento pola hospitalización a domicilio, como o demostra a recente aprobación, no mes de xullo, do Plan galego de hospitalización a domicilio, destinado a potenciar esta modalidade asistencial, normalizando o seu funcionamento e ampliando a súa extensión a toda Galicia.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego participou hoxe no acto de conmemoración do 10 aniversario do Programa para a atención integral a persoas con enfermidades avanzadas, que tivo lugar no Museo de Arte Contemporánea. Neste foro, o conselleiro dixo que, coa implantación progresiva do Plan, ampliaranse os equipos de hospitalización a domicilio ata os 60, en concreto, 15 equipos máis compostos por 15 médicos e 30 profesionais de enfermería, dando asistencia ao 100% da poboación de Galicia e ampliando a atención aos 365 días do ano.

Almuiña remarcou, ademais, que este plan está dotado cun orzamento de 2,5 millóns de euros, e incidiu en que o seu departamento seguirá a traballar na mellora da identificación das necesidades dos pacientes, así como na consecución dunha atención integral que leve a unha fase final de vida digna, sen sufrimento e verdadeiramente paliativa.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 06/11/2019