A Xunta lanza a iniciativa Elixe Galicia para promover o turismo interno, desestacionalizar a ocupación hoteleira e favorecer o mellor coñecemento da comunidade

Feijóo incide no obxectivo de viaxar, pernoctar, coñecer e consumir dentro da propia Comunidade todos os meses salvo no verán e en Semana Santa

Está dirixido a menores de 30 anos, familias con fillos menores e persoas maiores de 55 anos

Contará con catro modalidades: Vacacións en zona costeiras, Rutas de patrimonio histórico e cultural, Rutas de natureza e montaña e Estadías en balnearios

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2019

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, a iniciativa Elixe Galicia que busca promover o turismo interno, desestacionalizar e descentralizar a ocupación hoteleira e favorecer o mellor coñecemento da Comunidade no seu conxunto.

Este programa de estadías turísticas e de ocio, que cumpre un dos compromisos adquiridos no último Debate sobre o Estado da Autonomía, contará cun orzamento de 1,6 M€ para financiar o 40% das estadías en provincias distintas ao lugar de orixe.

No que respecta aos destinatarios, este programa, está dirixido a menores de 30 anos, familias con fillos menores e a persoas maiores de 55 anos. A Xunta aspira a beneficiar con esta iniciativa a 12.800 persoas entre 2020 e 2021.

O presidente da Xunta incidiu no obxectivo de “favorecer a desestacionalización, viaxar, pernoctar, coñecer e consumir dentro da propia Comunidade Autónoma todos os meses salvo os meses de verán e Semana Santa.”

Este programa contará con catro modalidades: Vacacións en zona costeiras, Rutas de patrimonio histórico e cultural, Rutas de natureza e montaña e Estadías en balnearios.

A modalidade Vacacións en zonas costeiras ofertará 6.700 prazas nos próximos dous anos, terá unha duración de 5 días e catro noites, o aloxamento será en hoteis de 3 estrelas ou superior e incluirá un mínimo de 3 visitas ou actividades de medio día.

No caso das Rutas de patrimonio histórico e cultural, con 2.500 prazas dispoñibles entre 2020 e 2021, terán unha duración de 3 días e 2 noites, o aloxamento será en hoteis de, como mínimo, 2 estrelas, contará con servizos de guía e incluirá visitas culturais con relevancia histórico-artística.

Pola súa banda, as Rutas de natureza e montaña ofertarán outras 2.500 prazas nos vindeiros dous anos e durarán 3 días e dúas noites en hoteis de 2 estrelas ou superior. Ademais de contar con servizos de guía especializado, realizaranse 2 excursións ou actividades de sendeirismo e/ou turismo activo.

Por último, no caso das Estadías en balnearios, a duración será de 5 días e 4 noites en aloxamentos de 2 estrelas ou superior a unha distancia non superior a 20 quilómetros do balneario, talaso ou establecemento de saúde e benestar. O programa incluirá, ademais dun acceso diario ao establecemento, un tratamento por persoa e estancia sen custo adicional así como prezos especiais reducidos para outros tratamentos. Tamén terá un mínimo de dúas excursións.

A maiores, todas as modalidades inclúen transporte desde as 7 cidades galegas.

No que respecta ao desenvolvemento do programa, o presidente da Xunta explicou que o primeiro paso será a contratación dos servizos mediante concorrencia competitiva e será no primeiro semestre de 2020 cando se abra a convocatoria. A saída inaugural está prevista para marzo despois de realizar a selección dos beneficiarios por sorteo con reserva de prazas para colectivos especiais como familias numerosas, persoas con discapacidade ou baixos ingresos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/11/2019