Medio centenar de persoas en tratamento por cancro rematan o seu 'Camiño de superación'

A acción forma parte de ‘O teu Xacobeo’ dentro das propostas sociais e inclusivas deste programa posto en marcha pola Xunta de cara á celebración do Ano Santo

Os directores xerais de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, recibiron aos peregrinos

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2019

Os directores xerais de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, recibiron hoxe ás 48 persoas en tratamento por cancro que finalizaron hoxe con éxito tres etapas do Camiño Portugués da Costa dentro do proxecto Camiño de superación. Trátase dunha iniciativa impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC) de Ourense que forma parte de O teu Xacobeo dentro das propostas sociais e inclusivas deste programa posto en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de fomentar a participación de toda a sociedade na celebración do vindeiro Ano Santo.

O proxecto da AECC de Ourense está formada por tres itinerarios que teñen como obxectivo lanzar unha mensaxe de esperanza e superación da enfermidade a través do Camiño de Santiago e sensibilizar á poboación en xeral na importancia do diagnóstico precoz, a prevención e os coidados como piares fundamentais fronte á loita contra o cancro. A primeira destas rutas, que rematou hoxe baixo o lema Unha ruta ao alcance de todas e todos é o máis sinxelo dos tres ao contar con etapas de menos de 11 quilómetros e estaba dirixido a pacientes en tratamento por cancro que partiron o pasado 5 de novembro desde A Guarda.

Tras completar con éxito este trazado, o seguinte Camiño de superación chegará en marzo de 2020 ata o Camiño Francés, onde, baixo o lema Exportando optimismo, poderán participar persoas doutras comunidades autónomas, así como de Italia e Portugal. A última acción desenvolverase no mes de abril e está pensada para persoas en avanzado proceso de recuperación. Este itinerario, que levará o lema de Contaxiando o ánimo, discorrerá pola Vía da Prata.

Ademais de Anxo M. Lorenzo e Ildefonso de la Campa, na recepción desta mañá tamén estiveron presente os presidentes das asociacións españolas contra o cancro de Ourense, María Isidora Gómez, e de Santiago, Francisco Pais, así como os cinco monitores e a enfermeira que acompañaron aos camiñantes.

Camiño de superación forma parte dos preto de 180 proxectos impulsados por entidades sen ánimo de lucro que abranguen distintas áreas e que poñen o foco na dimensión social ao contemplar iniciativas relacionadas coa defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/11/2019