O titular de Medio Rural participou na presentación do convenio de colaboración asinado entre o seu departamento e a Fundación Paideia
José González destaca que a mellora do material vexetal de reprodución permite reforzar a aposta polas frondosas autóctonas

O conselleiro destacou que este convenio favorece ao sector forestal galego, que está a demandar planta de calidade para o seu emprego nos montes

A través desta colaboración estase impulsando a produción de especies como a cerdeira e o carballo para a súa mellora xenética

Tamén subliñou que a Consellería está traballando na creación dun rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas, co que se persegue fomentar e conservar esa biodiversidade

A Coruña, 7 de novembro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá en Coruña na presentación do convenio de colaboración subscrito entre o seu departamento e a Fundación Paideia para a mellora do material vexetal de reprodución. Alí puxo en valor este tipo de actuacións, que “contribúen a dar resposta á demanda actual do sector forestal” á vez que se beneficia a diversidade do monte de Galicia e se reforza a aposta polas frondosas autóctonas.

Neste senso, o conselleiro sinalou que o obxectivo deste convenio é “diminuír a dependencia externa na comercialización de especies”, como poden ser as cerdeiras e carballos procedentes doutros países da Unión Europea e, ao tempo, foméntase a produción na nosa comunidade, co fin de cubrir a demanda existente cun material forestal de reprodución de primeira calidade e mellorado xeneticamente.

Desta forma, engadiu o conselleiro, o laboratorio de biotecnoloxía vexetal de Galicia (Cultigar) xunto con profesionais da Consellería están levando a cabo actividades de investigación e transferencia da produción de clons de cerdeira e de carballo como material forestal de reprodución.

Así, desde a posta en marcha do convenio en outubro do pasado ano, producíronse máis de 4.250 unidades de diversos clons de cerdeira e 325 árbores diferentes de carballo. Estas últimas están distribuídas en tres campos de ensaio en diferentes rexións climáticas (Trasmiras, Santa Comba e Chantada), co obxectivo final de dispoñer de suficientes clons para seguir avanzando nos estudos encamiñados á certificación forestal.

En relación con isto, José González subliñou que “é preciso asegurar un correcto establecemento e viabilidade de futuro nas repoboacións dos montes galegos”, para así garantir a xeración de recursos que poidan ser utilizados pola industria á vez que se asegura un monte sustentable e de calidade.

Ademais, o conselleiro insistiu en que é preciso garantir un monte sustentable, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social, e asegurar un enfoque multifuncional dos diferentes aproveitamentos do territorio forestal. Precisamente sobre isto, José González subliñou que se está traballando na creación dun rexistro de masas consolidadas de frondosas autóctonas, co que se persegue fomentar e conservar esa biodiversidade.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 07/11/2019