Así o explicou o director de Agader na clausura da xornada “De camiño ao mundo rural”, no marco do Congreso Internacional sobre desenvolvemento e turismo
A Xunta avoga por combinar diferentes estratexias cara a un desenvolvemento integral do agro que permita fixar poboación

Miguel Pérez Dubois sinalou que “os obxectivos teñen que ser comúns, pero os camiños para acadalos poden ser variados” e por iso destacou o carácter multidisciplinar deste foro, que se completa mañá cunha visita ao campo galego

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2019

O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, pechou esta tarde a xornada De camiño ao mundo rural, no marco do Congreso Internacional sobre desenvolvemento e turismo organizado pola Xunta e celebrado ao longo de toda esta semana na Cidade da Cultura.

Na súa intervención, o responsable de Agader amosou a súa confianza en que o traballo realizado neste foro contribúa a trasladar solucións máis efectivas para resolver os retos e problemas que teñen as persoas que viven no medio rural, tanto en Galicia como noutros territorios.

Pérez Dubois avogou ademais por “utilizar diversos instrumentos para lograr un desenvolvemento integral do agro” e facelo de xeito combinado, porque -dixo- así pódense acadar mellores resultados que con ferramentas tomadas individualmente. Engadiu que “os obxectivos teñen que ser comúns, pero que os camiños para acadalos poden ser variados” e, en todo caso, cómpre logralos.

Por iso, incidiu, estas xornadas -nas que participaron axentes de 35 nacionalidades- estruturáronse en catro módulos diferentes, pero abordando diversas temáticas. Así, tratouse de xeito simultáneo a xestión de terras e o impulso demográfico, o turismo, o comercio e a artesanía, a calidade alimentaria e o empoderamento da muller no rural. Deste xeito, sinalou o director de Agader, púxose de manifesto o carácter multidisciplinar do foro e tamén que estes eixos son capaces de solucionar moitos problemas traballando por separado, pero que conxuntamente multiplican a súa efectividade.

O obxectivo final, advertiu Pérez Dubois, ten que ser acadar un rural “vivo, dinámico e sostible”, no que se dean oportunidades para poder vivir nel e tamén del. “Queremos -remarcou- marcar liñas para facer do agro un lugar atractivo para a xente moza, para as persoas emprendedoras e para a xente maior”. Tamén, “que sexa respectuoso co medio ambiente e que loite activamente contra o cambio climático”.

O director de Agader amosouse tamén convencido de que estas xornadas servirán para reforzar os lazos de colaboración e de confianza entre os axentes que interveñen no desenvolvemento do rural e que estas relacións permitirán continuar compartindo información e ampliar así a rede de profesionais que traballan en coordinación nestas áreas.

Visita ao campo

Os debates destas xornadas déronse por concluídos con esta intervención, pero o evento terá continuidade mañá cunha visita ao campo na que os participantes poderán ver sobre o terreo diversos proxectos vinculados ao desenvolvemento rural e ao turismo na nosa comunidade.

Así, achegaranse ata unha olería tradicional en Gundivós, no concello lugués de Sober e poderán coñecer un proxecto de mobilidade de terras para a recuperación de pastos neste mesmo municipio. Tamén realizarán unha visita guiada pola Ribeira Sacra e gozarán dunha experiencia de turismo enolóxico no concello coruñés de Boqueixón.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/11/2019