Valentín García participa en Bruxelas no seminario sobre educación organizado pola NPLD

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta expuxo neste foro a experiencia do programa escolar de dinamización lingüística '21 días co Galego e +' que o departamento que dirixe promove en centros de ensino secundario desde 2018

A sede da Fundación Galicia Europa acolle entre hoxe e mañá os actos incluídos no Comité Executivo da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística, da que é membro de pleno dereito a Xunta de Galicia

Bruxelas, 7 de novembro de 2019

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, participou hoxe en Bruxelas no Seminario sobre educación Tecnoloxías Dixitais, Modelos Lingüísticos e Integración Inmigrante incluído nos actos do Comité Executivo da Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD, nas súas siglas en inglés) que acolle estes días a sede da Fundación Galicia Europa e no que a Xunta de Galicia participa en calidade de membro de pleno dereito.

García Gómez centrou o seu relatorio sobre promoción do galego no ensino na experiencia do programa escolar de dinamización lingüística 21 días co Galego e + que “deseñado como un proxecto educativo de centro do IES da Pobra do Caramiñal e considerado unha boa práctica de dinamización lingüística, o Goberno galego exportou -coa colaboración da profesora Pilar Ponte e dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega- a catro centros de secundaria, bacharelato e formación profesional durante o pasado curso escolar e levará a outros dez no presente curso”.

O secretario xeral destacou que a iniciativa “contou coa participación de máis de 1300 adolescentes e cunha importante repercusión en internet, nomeadamente no blog do propio programa e en plataformas como Facebook, Twitter ou YouTube. 21 días co Galego e + é un proxecto que funciona en positivo, promovendo o apoio da contorna e a comunicación entre adolescentes de distintos puntos de Galicia, incidindo nas posibilidades e nas vantaxes de falar o galego, propoñendo pequenos retos estimulantes que axudan a alcanzar a meta final e visibilizando nas redes sociais o traballo que os rapaces e rapazas estiveron facendo xeira a xeira”, concluíu. O responsable de Política Lingüística da Xunta agradeceulle á NPLD o seu interese na difusión das boas prácticas en materia de normalización lingüística levadas a cabo desde Galicia.

Unha rede para a promoción da diversidade lingüística

NPLD é unha rede paneuropea, fundada en 2008, na que a Xunta é membro de pleno dereito e que acolle a representantes gobernativos e asociativos de linguas rexionais, minoritarias e de pequenos Estados de Europa e que constitúe a máis importante organización europea que, de forma estable e continuada, se dedica á promoción social e ao ensino destas linguas.

A principal meta desta plataforma organizativa é crear un ámbito no que o multilingüismo, a diversidade lingüística e a aprendizaxe das linguas minoritarias se promovan activamente en todas as franxas de idade, xa que 50 millóns de cidadáns da UE, o 10% da poboación, fala estes idiomas.

No marco da NPLD, os gobernos estatais da Unión Europea, os gobernos autónomos, entidades culturais e os centros de referencia ou asociacións do ámbito da promoción da pluralidade lingüística que participan nela, impulsan diversos proxectos. Entre eles destacan aqueles que redundan na posta en valor e na importancia das linguas nos ámbitos da economía ou da emigración, como elementos de cohesión social e valores positivos.

A sede da Fundación Galicia Europa acolle entre hoxe e mañá a derradeira xuntanza de 2019 do Comité Executivo da NPLD, na que se tratan asuntos relativos ás finanzas, directrices estratéxicas e plans de futuro da organización.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/11/2019