Moraña, Ribeira, Boimorto, Pontecesures e Mos acollen o 'FalaRedes' e 'Nós contra a violencia’

‘A nena e o grilo máis aló’, de Magín Blanco e Teatro Ghazafallos, e ‘Fillos do sol’, a última proposta de Cándido Pazó, centran a programación do Falaredes

A campaña de sensibilización contra a violencia de xénero impulsada por Cultura e Turismo en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade ten como protagonistas ao grupo A Roda, á cantante Lucía Pérez e a narradora Eva Mejuto

Como é habitual, as entradas ás actividades será libre e de balde ata completar a capacidade dos recintos
 

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2019

Cinco concellos adheridos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) acollerán esta fin de semana actividades do programa FalaRedes, desenvolvido pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e da campaña Nós contra a violencia, esta última en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, para darlle cumprimento desde a Xunta de Galicia aos obxectivos establecidos no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

A Carballeira de Santa Lucía, no concello de Moraña, será o escenario da primeira actividade: A Roda da igualdade: ela e eles. Os protagonistas deste espectáculo, que terá lugar este venres, 8 de novembro, ás 21,00 horas, serán a histórica banda de música tradicional A Roda e a coñecida cantante Lucía Pérez. Ao día seguinte, sábado día 9, Ribeira albergará no Centro Cultural Lustres Rivas dúas actividades do programa Igual-Son, incardinados no proxecto Nós contra a violencia de xénero. A primeira, que comezará ás 10:30 horas, leva por título Voces violetas. O obradoiro dirixido por Eva Mejuto ten como destinatarios os membros de ANPA e traballa a educación en igualdade. No mesmo lugar, ás 12,00 horas, comezará a actividade Contos do dereito e do revés. Dirixida a públicos de entre os catro e nove anos, pretende achegar novas formas de narracións afastadas dos estereotipos de xénero.

Despedida de ‘A nena e o grilo máis aló’

A actividade A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco e Teatro Ghazafellos, despídese desta edición do FalaRedes este sábado en Boimorto (Casa da Cultura, 12,00 horas) e Pontecesures (19,00 horas). Os coñecidos personaxes que protagonizaron con grande éxito de acollida os espectáculos A nena e o grilo (Bocaberta 2010) e A nena e o grilo nun barquiño (FalaRedes 2013), enfrontaranse a unha nova trama na que o misterio, os medos e os valores da afouteza, solidariedade e amizade adquirirán grande importancia. O espectáculo, que mestura música e teatro, xa percorreu desde o 20 de outubro as localidades de Triacastela, Toén, Barro, Boqueixón, Abegondo, Outes, Frades e Oímbra.

Para un público máis adulto (a partir dos 14 anos) está pensada a actividade Fillos do sol, unha obra dirixida por Cándido Pazó que se achega á figura de Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra que o ocupou toda a súa vida como escritor, Os Eoas, chega da man de Contraproducións. Poderá verse este sábado en Mos (Auditorio Torroso, 19,00 horas). Ata o 8 de decembro a proposta teatral percorrerá da man do ‘FalaRedes’ os municipios de Foz, Viveiro, Verín, Xinzo de Limia, Santa Comba, As Neves e Salceda de Caselas.

Coma sempre nos programas de dinamización lingüística que promove o Goberno galego en concellos da RDL, a entrada á actividade é libre e de balde ata completar a capacidade das salas. Toda a información e calendario completo poden consultarse no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/11/2019