Aberto o prazo de inscrición para formar parte do programa Correspondentes Universitarios

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado busca fomentar a difusión de información de interese para as mozas e mozos

A iniciativa chega por vez primeira ás tres universidades galegas ao adherirse no mes de abril a de Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2019

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, en colaboración coas universidades de Vigo, A Coruña e, por vez primeira, de Santiago de Compostela, lanza o programa Correspondentes Universitarios para fomentar a difusión de diferentes programas, accións e iniciativas que a Xunta de Galicia ofrece ás mozas e mozos.

As persoas interesadas en formar parte desta iniciativa poderán inscribirse desde hoxe mesmo mediante un formulario electrónico. Os requisitos serán manter a condición de estudante dalgunha das titulacións das tres universidades durante o curso 2019/2020 e ter un máximo de 30 anos no momento da solicitude.

As funcións destes correspondentes serán difundir entre o alumnado información que poida ser do seu interese, xestionar regularmente un taboleiro ou sistema de divulgación e asistir ás reunións de coordinación que se convoquen, así como aos cursos de formación organizados pola Dirección Xeral ou as universidades.

As voluntarias e voluntarios que decidan converterse en correspondentes accederán a unha serie de beneficios: desde recibir información xuvenil de interese, a unha formación gratuíta en materia de xuventude e tamén recibirán gratuitamente o Carné Xove, o Carné Internacional de Estudantes (ISIC) e o Carné de Alberguista durante o curso escolar no que estean inscritos.

Así mesmo, recoñeceráselle o tempo dedicado como persoas voluntarias, as universidades expediranlles unha certificación a aqueles que acrediten a súa participación para os efectos da solicitude de créditos e poderán participar gratuitamente, durante unha fin de semana, nun encontro autonómico de correspondentes no que se incluirán aloxamento, a mantenza e a programación de actividades.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/11/2019