Ángeles Vázquez salienta que a adhesión á APLU dos concellos de Beariz, Boborás e Taboadela garanten un correcto uso do territorio e a protección da paisaxe

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e senllos rexedores municipais asinaron o convenio de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, co que o número de concellos adheridos xa supera os 80

Recorda que os municipios adheridos suman un 17% da superficie total de Galicia

Vázquez Mejuto destaca o papel da APLU que se sitúa ao carón dos concellos para velar pola legalidade urbanística de Galicia e o control de posibles infraccións

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2019-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que a adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística dos concellos galegos, concretamente de Beariz, Boborás e Taboadela, garante un correcto uso do territorio e a protección da paisaxe.

Así o puxo de manifesto esta mañá durante a sinatura dos convenios de adhesión destes tres concellos da provincia de Ourense, formalizada con senllos rexedores municipais, co que o número total de concellos adheridos á APLU elévase a 81, o que representa un 17% da superficie total de Galicia.

Recordou que a APLU ten por obxectivo velar pola legalidade urbanística e o control das posibles infraccións, polo que é un ente que está ao servizo dos concellos para garantir a protección do territorio e o respecto á legalidade vixente.

Ángeles Vázquez explicou que, en virtude destes convenios, os concellos delegan na APLU as competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística relativas a obras que se executen sen licenza sempre que estean en solo rústico non urbanizable e solo urbanizable ou apto mentres non sexa aprobado o correspondente planeamento de desenvolvemento, e en núcleos rurais delimitados no PXOM. Por outro lado, a APLU transferirá ao concello un 10% do produto das multas coercitivas e sancións.

Destacou que o obxectivo da Xunta é seguir incorporando novos concellos, ao tempo que se incrementa a colaboración cos concellos adheridos; porque os resultados amosan que a actuación conxunta é sinónimo de éxito. A modo de exemplo, argumentou que en 2018 baixaron o número de expedientes resoltos, o que denota un aumento da concienciación da poboación e un exercicio máis, o número de execucións subsidiarias, as realizadas polos particulares, superou o 90%.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/11/2019