A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Enrique Urcola, o convenio para organizar o encontro ‘O papel da enxeñería na redución do risco de inundación’
A Xunta e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos celebrarán o 19 de novembro unha xornada técnica para anticiparse e xestionar con eficacia os episodios de inundacións

Vázquez Mourelle indica que a iniciativa ten como obxectivo a formación e o intercambio de coñecementos técnicos para avanzar conxuntamente na procura de solucións para previr e minorar os efectos de extremos como os asolagamentos

Subliña que a actividade vai dirixida a persoal técnico das administracións locais ou que estean desenvolvendo proxectos para estas, co fin de afondar nos plans de xestións de risco de inundacións e nos últimos cambios normativos neste eido

Destaca que para xestionar mellor as inundacións hai que afrontalas desde unha perspectiva global e transversal, de xestión dos ríos, das infraestruturas, de protección civil, de ordenación do territorio e o urbanismo

Sinala que esta actividade porá a disposición destes profesionais o saber, os coñecementos técnicos e o talento dos enxeñeiros galegos

A Coruña, 8 de novembro de 2019

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, Enrique Urcola, o convenio para celebrar o 19 de novembro unha xornada técnica para prepararse para afrontar con eficacia os episodios de inundacións.

Vázquez Mourelle indicou que esta xornada, baixo o título ‘O papel da enxeñería na redución do risco de inundación’, terá lugar no Mupega, en Santiago.

Explicou que a actividade vai dirixida a persoal técnico, fundamentalmente, das administracións locais ou que estean desenvolvendo proxectos para esas administracións, co fin de afondar nos plans de xestións de risco de inundacións e nos últimos cambios normativos que se teñen producido nesta materia.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar a formación e o intercambio de coñecementos técnicos e avanzar conxuntamente na procura de solucións de cara a previr e minorar os efectos de extremos como os asolagamentos.

Trátase de poñer a disposición destes profesionais o saber e o talento da enxeñería galega, os coñecementos técnicos e as capacidades dos enxeñeiros de Camiños, canais e portos galegos.

Apuntou que para previr e xestionar mellor as inundacións hai que afrontar estes episodios desde unha perspectiva global, entre todos os axentes implicados e desde unha óptica transversal, de xestión dos ríos, das infraestruturas, de protección civil, de ordenación do territorio e o urbanismo.

Na xornada abordaranse cuestións como a Directiva europea de zonas inundables, os plans de xestión de risco de inundacións ou a planificación hidrolóxica de Galicia.

Neste sentido, a conselleira precisou que a Xunta xa está impulsando os traballos de revisión e actualización da 2ª fase de implantación desta directiva, que abranguerán a realización de mapas dos novos tramos de áreas con risco potencial significativo de inundacións e a revisión e actualización das xa existentes.

Tamén se tratarán os usos permitidos en zonas inundables ou os sistemas de alerta temperá como o modelo punteiro de predición de risco de inundacións que está a desenvolver, con talento galego, a Fundación de Enxeñería Civil de Galicia, en virtude dun convenio de colaboración asinado con Augas de Galicia en maio.

A conselleira subliñou que ante o contexto de cambio climático cómpre estar preparados para xestionar situacións extremas, tanto anticipándose a posibles episodios de seca como afrontar probables riscos de inundacións.

En Galicia existen 9 zonas que teñen maior risco de inundación, que son as que se asentan nas contornas do río Umia, en Caldas de Reis e Portas; Ulla- Sar, en Padrón, Dodro, Rianxo, Rois, Catoira, Pontecesures e Valga; no Anllóns, en Carballo; no Lagares, en Vigo; nos regos de Bahíña e Groba, en Baiona; Fontecova, en Viveiro; e no Campeda, en Vimianzo.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/11/2019