A Xunta pon a Conservas Dardo como exemplo de aposta pola unión da tradición e da técnica no seu traballo

A conselleira do Mar visitou as instalacións desta empresa conserveira de Vilanova de Arousa que este ano celebra o seu 50 aniversario

Rosa Quintana manifestou o apoio do Executivo galego a este tipo de industrias a través das axudas a pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos do mar para mellorar as súas instalacións

Con este tipo de achegas a Administración autonómica facilita que estas pemes poidan optimizar os procesos de transformación, adquirir equipamentos ou realizar melloras en materia de eficiencia enerxética, entre outros aspectos

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 8 de novembro de 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe a traxectoria de Conservas Dardo e felicitou a esta empresa conserveira e a todas as persoas que forman parte dela polo seu 50 aniversario. Así o sinalou durante unha visita realizada hoxe ás súas instalacións na que tamén puxo de relevo a aposta que realiza esta conserveira pola conxugación da tradición e a innovación para dar valor engadido aos produtos do mar.

Ademais a titular de Mar destacou que a traxectoria desta empresa tamén se caracteriza pola superación e o esforzo e pola calidade dos produtos que traballa, como o mexillón, sardinilla e atún, entre outros. Uns atributos, subliñou, que se reflicten dun xeito ou doutro na súa produción á que recentemente sumou marca gourmet El legado de Lola con motivo da celebración do medio século de vida e tamén para homenaxear a todas aquelas mulleres que nos anos 60 e 70 contribuíron ao desenvolvemento do sector.

Nesta liña Rosa Quintana destacou a importancia que ten para Galicia contar con conserveiras coma Dardo e manifestou o apoio da Xunta a este tipo de industrias a través das axudas a pequenas e medianas empresas de transformación dos produtos do mar para mellorar as súas instalacións. Con este tipo de apoio, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, o Executivo galego facilita que estas pemes poidan acometer melloras como a optimización dos procesos de transformación, a innovación no ámbito da industria de procesado de peixes e na transformación de moluscos, a ampliación e adquisición de equipamentos e melloras en materia de eficiencia enerxética, entre outras.

Deste xeito, engadiu a conselleira do Mar, desde Galicia contribuímos á mellora das condicións de traballo e seguridade neste sector e tamén a incrementar a súa competitividade e mellorar os seus resultados. Uns resultados, puntualizou, que no caso do da industria conserveira de produtos do mar baten récords e puxo como exemplo as preto de 304.000 toneladas de produción que acadou no 2018 e que representan o 86% da produción nacional neste eido.

Este potencial, indicou Rosa Quintana, reflicte a importancia de seguir apostando por este sector para gañar competitividade nos mercados e esta aposta pasa por potenciar o valor engadido coa transformación dos produtos de alta calidade cara a mercados gourmet e por reforzar a promoción dos produtos do mar para manter a súa posición nos mercados tradicionais e acadar outros novos.

Conservas Dardo

Conservas Dardo naceu no 1969 cando o matrimonio composto por Antonio Otero e Lola Oubiña adquiriron na Illa de Arousa unha conserveira que xa viña funcionando desde 1943, coa marca Dardo. No 1989, cos seus dous fillos ao fronte do negocio, adquiriron unha nova fábrica en Vilanova de Arousa e no 1995 pechou a antiga factoría da Illa de Arousa e trasladou toda a produción a Vilanova. Un ano despois un incendio destruíu as súas instalacións e no 1998 a empresa inaugurou a nova factoría. Esta conserveira conta con máis de 30 empregados e ten unha facturación de máis de 8,6 millóns de euros.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 08/11/2019