Miranda inicia unha nova viaxe a Alemaña cun encontro con socios e directivos das entidades galegas de Hannover e Gütersloh

Salienta o “traballo admirable dos galegos do exterior, que teñen levado o mellor de Galicia a todo o mundo”

Anima aos centros a seguir cooperando coa colectividade galega no país teutón na difusión de temas de interese, tanto para vida cotiá como á hora de afrontar o retorno a Galicia
 

Hannover (Alemaña), 8 de novembro de 2019

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, iniciou hoxe unha nova viaxe a Alemaña, a segunda que leva a cabo este ano ao país teutón, cun encontro con socios e directivos das entidades galegas de Hannover e Gütersloh.

O responsable autonómico visitou primeiro as instalacións do Centro Galego de Hannover, que suma hoxe en día máis de 150 socios dos que case o 70% son galegos. Durante a visita, Miranda salientou o “traballo admirable dos galegos do exterior, que teñen levado o mellor de Galicia a todo o mundo”; un esforzo que “se reflicte en comunidades como esta”. “Quero felicitarvos polo voso labor continuo a prol de Galicia e dos galegos e animarvos a seguir así”, incidiu.

Así mesmo, Rodríguez Miranda mantivo tamén un encontro de traballo co Centro Cultural e Deportivo Galicia Emigrante, da cidade de Gütersloh. Fundada en 1979, a entidade cumpre este ano 4 décadas de difusión da cultura galega en Alemaña. Neste marco, o secretario xeral agradeceu o “impagable labor” desenvolvido, e animou á directiva deste, e do resto de centros alemáns, a seguir cooperando coa colectividade galega na difusión de temas de interese, tanto para vida cotiá como á hora de afrontar o retorno a Galicia


O terceiro país de Europa con máis galegos

Na Alemaña residen 17.227 galegos, segundo os últimos datos oficiais publicados polo Instituto Nacional de Estadística, con data 1 de xaneiro de 2018, o que o convirte no terceiro país do continente con maior presenza de galegos, só superado por Suíza e Francia. Do total de galegos no país xermano, menos da metade, 8.183, naceron en Galicia, e o máis do 52 % restante foi nado xa en Alemaña.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/11/2019