Sanidade recomenda, aos rapaces de 18 a 24 anos, revisar a cartilla de vacinación para evitar a difusión da parotidite

As persoas que a padezan non deben acudir ao seu centro académico ou traballo, nos cinco días seguintes ao comezo dos síntomas

Se algunha persoa ten dúbidas de se está vacinado das dúas doses da vacina que protexen fronte ás papeiras, é conveniente que se poña en contacto co seu médico de cabeceira

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2019

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade recomendan, especialmente aos rapaces de 18 a 24 anos, revisar a cartilla de vacinación para evitar a difusión da parotidite (papeiras), logo de que estean a detectar un lixeiro aumento dos casos desta enfermidade, fundamentalmente entre estas idades. Afortunadamente, a maioría deles teñen administradas as dúas doses da vacina triple vírica (sarampelo, rubeola e parotidite), xa que figura no calendario vacinal galego dende 1981.

Se algunha persoa ten dúbidas de se está vacinado coas dúas doses desta vacina ou non o lembra, é conveniente que se poña en contacto co seu médico de cabeceira.

Cómpre remarcar que a parotidite é unha enfermidade benigna pero contaxiosa. O feito de que algún destes rapaces, aínda estando vacinados, teñan papeiras é debido a que a resposta inmunolóxica da vacina fronte ao virus da parotidite vai descendendo co paso do tempo.

Para previr a extensión da enfermidade, o departamento sanitario galego quere facer unha serie de recomendacións. Así, en primeiro lugar, as persoas que a padezan non deben acudir ao seu centro académico ou traballo, ou a outro tipo de actividade común como pode ser a deportiva, nos cinco días seguintes ao comezo dos síntomas. Ademais, debe evitarse ter contacto con embarazadas, persoas inmunodeprimidas ou nenos menores de 12 meses.

Lembrar que os síntomas máis habituais das papeiras son a dor facial, febre, dor de cabeza, dor de garganta e perda de apetito.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 08/11/2019