Conde pon en valor o talento feminino e subliña o compromiso da Xunta por fomentar a incorporación da muller aos cadros directivos das empresas

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, inaugurou esta mañá, na Coruña, o primeiro dos encontros que baixo a denominación ‘Mulleres Protagonistas’ reunirá, cada mes, a mulleres de distintos sectores para facer unha posta en común sobre os retos e dificultades do emprego feminino

Incide en que a Administración só pode desenvolver iniciativas de éxito no eido laboral se as medidas que se deseñen encaixan coas necesidades deste colectivo e fomentan a igualdade

O emprego feminino evoluciona en Galicia mellor que no conxunto do Estado, segundo os indicadores, pero Conde insiste en que queda camiño por percorrer e sinala a negociación colectiva e os plans de igualdade como ferramentas clave para propiciar o cambio

A Xunta conta, desde esta lexislatura, con Emprega en feminino e o ano que vén prevé incorporar novos programas como TécnicAs, para favorecer unha maior presenza da muller na industria e en ocupacións nas que teñen menos representación

A Coruña, 8 de novembro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, puxo hoxe en valor na Coruña o talento feminino e subliñou o compromiso da Xunta por fomentar a incorporación da muller aos cadros de dirección das empresas galegas, no marco do primeiro encontro Mulleres Protagonistas.

Trátase dunha iniciativa que, cada mes, reunirá a mulleres de distintos sectores -neste caso directivas e mulleres en postos de responsabilidade- co obxectivo de establecer un diálogo aberto entre a Xunta e este colectivo para escoitar as súas propostas, explicar as medidas do Goberno galego e, deste xeito, realizar unha posta en común sobre os retos e dificultades que afrontan no seu día a día. “Queremos converter o día 8 de cada mes nun día especial para traballar e establecer un contacto directo coas mulleres e, así, estender o 8 de marzo a todos os días 8 de cada mes”, sinalou o conselleiro que se mostrou convencido de que esta é a mellor fórmula para que as medidas deseñadas desde a Administración autonómica encaixen coas necesidades das mulleres e, polo tanto, sexan máis efectivas.

Actualmente, o emprego evoluciona en Galicia de xeito favorable e así, o paro diminuíu nun 3,45% nos últimos doce meses e hai preto de medio millón de mulleres afiliadas á Seguridade Social (case a metade do total). Ademais, segundo o Índice de Equidade de Xénero de 2019, Galicia é a rexión española con menor desigualdade. Aínda así, o conselleiro indicou que queda camiño por percorrer para acadar a igualdade real no mercado laboral entre homes e mulleres e para eliminar a fenda salarial.

Neste sentido, defendeu que a negociación colectiva e os plans de igualdade son instrumentos clave á hora de impulsar medidas que permitan realizar os cambios necesarios. Nesta lexislatura a Xunta está redobrando os esforzos neste eido a través do programa Emprega en feminino e avanzou que en 2020 se sumarán novas iniciativas como o programa TécnicAs, para favorecer, a través da formación, unha maior presenza das mulleres na industria e en ocupacións nas que están sobrepresentadas; ou un programa para promover a implantación de plans de igualdade nas empresas con accións de mentoring ou formación, entre outras. Ademais consolidaranse iniciativas que favorecen a contratación indefinida de mulleres e as axudas para que as pemes realicen accións en materia de igualdade, conciliación e flexibilidade laboral.

Finalmente, convidou ás asistentes a realizar as súas achegas e, tras manifestar que a Xunta quere unha maior presenza de mulleres en postos de responsabilidade, pediu a súa colaboración para axudar a construír unha Galicia máis feminina, onde as mulleres poidan desenvolver o seu talento e potencial en igualdade de condicións que os homes: “Temos que identificar medidas para conseguir que o talento feminino sexa o sinal de identidade das nosas empresas e do noso tecido produtivo, ademais de traballar na corresponsabilidade e nunha Galicia máis feminina”, concluíu.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/11/2019