A Xunta destaca o compromiso dos voluntarios de Protección Civil para velar pola seguridade da cidadanía galega

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe nas Xornadas Técnicas da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Pontevedra

O Goberno galego incide na importancia da formación actualizada no eido das emerxencias que se imparte para este colectivo de forma descentralizada na Academia Galega de Seguridade Pública

Cangas (Pontevedra), 9 de novembro de 2019

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe, durante a celebración das Xornadas Técnicas da Asociación Provincial de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Pontevedra, o traballo altruísta que levan a cabo os voluntarios das agrupacións de Protección Civil para velar pola seguridade da cidadanía galega en situacións de risco.

Santiago Villanueva destacou o compromiso e a xenerosidade que demostra cada día co seu traballo de forma desinteresada o persoal voluntario, que configura o piar básico do sistema integrado de Protección Civil en Galicia. No acto tamén se lle concedeu a distinción de honra da asociación a Pedro Luis Sánchez Castro por unha traxectoria de máis de dúas décadas dedicada a este colectivo que rematou como xefe de servizo de Protección Civil na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, cargo que ostentou desde 2005.

A Xunta incide na importancia da actualización da formación no eido das emerxencias con xornadas como as de hoxe na que os asistentes coñecerán como actuar ante unha emerxencia sanitaria a través dun relatorio de Soporte Vital Básico (SVB) ou o funcionamento de Salvamento Marítimo en Galicia e mesmo participarán nun concurso sobre maniobras de Reanimación Cardiopulmonar (RCP). Ademais, comprobarán nun simulacro como se leva a cabo un rescate acuático e visitarán o helicóptero Pesca I do Servizo de Gardacostas e embarcacións de Salvamento Marítimo.

O director xeral de Emerxencias e Interior destacou a aposta pola formación neste ámbito, que se leva a cabo de forma descentralizada desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Así, xunto con xornadas técnicas e de confraternización coma esta, a Academia tamén organiza e imparte o curso de formación básico obrigatorio para os novos membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil.

A AGASP conta ademais con plans de formacións semestrais para os efectivos de Protección Civil nos que se abordan temas como a busca de persoas desaparecidas, o manexo de motoserras e de desfibriladores externos, a condución de vehículos todoterreo ou a coordinación de operativos en incendios operativos e rescates.