A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro na Coruña e Lugo a partir de mañá

A Xunta lembra a necesidade de extremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.axega112.gal  

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2019

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro a partir de mañá nas provincias da Coruña e Lugo.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa afectará desde a mañá do domingo ao noroeste da Coruña e á costa de Lugo. Haberá mar combinada con ondas de 5 a 6 metros.

Cómpre recordar que o resto do litoral estará en nivel amarelo con mar combinada do noroeste con ondas de 4 a 5 metros. Ademais, no noroeste da Coruña tamén se agardan ventos do oeste e noroeste de forza 7.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Debido ao temporal costeiro, recoméndase permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Ademais, é preciso evitar aproximarse a diques, rompentes, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que poidan ser varridas polo mar e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e fiestras.

Ademais, é recomendable consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org ), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 09/11/2019