O 061 de Galicia asistiu a 93 persoas por 73 accidentes de circulación durante a fin de semana

Desde as 15,00 horas do venres, 8 de novembro, ata as 23,59 horas do domingo, 10 de novembro, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 recibiu 90 chamadas por accidentes de tráfico

A Estrada (Pontevedra), 11 de novembro de 2019

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana 93 persoas debido a 73 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende desde as 15,00 horas do venres, 8 de novembro, ata as 23,59 horas do domingo, 10 de novembro. O día que rexistrou máis incidentes foi o domingo con 38 sinistros de tráfico.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en Galicia, recibiu nestes días 90 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 73 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atendeu un total de 93 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 59% e do 41% respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 40% dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos.

Por provincias, Pontevedra foi a que rexistrou máis accidentes con 30 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

 

Provincia
Accidentes

A Coruña

27
Lugo
9
Ourense
7
Pontevedra
30
Galicia
73

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 93. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon en nove accidentes, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 73 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en sete accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en catro sinistros de circulación.

En 74 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 18 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa faleceu no punto.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 11/11/2019