O programa integrado da Xunta 'Em-Prégate V' aposta pola inserción laboral de persoas con enfermidades mentais

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, asistiu hoxe en Lugo ao acto de peche do programa impulsado por Feafes

Casal salientou a importancia da cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para ofrecer novas oportunidades laborais á cidadanía

Lugo, 11 de novembro de 2019

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, asistiu hoxe en Lugo ao acto de peche do programa integrado de emprego
Em-prégate V, impulsado pola Federación de asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental (Feafes). A iniciativa estivo dirixida a mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral de persoas con enfermidade mental traballadoras e en situación de desemprego.

O programa integrado de emprego incluíu un itinerario personalizado de inserción, flexible e adaptado ao usuario, así como medidas innovadoras e de conciliación e o uso de novas tecnoloxías. A formación estivo centrada en alfabetización dixital, busca activa de emprego, en atención ao cliente e comunicación, así como nun curso para a obtención do carné de manipulador.

Casal explicou que Galicia está desenvolvendo 40 programas integrados cun investimento de 10M€ para 4000 desempregados e desempregadas e o compromiso de acadar unha inserción do 35%. Ademais, insistiu na aposta pola formación que representa unha prioridade para a Xunta, ben para persoas ocupadas ou ben para desempregadas, co obxectivo de crear máis e mellor emprego para toda Galicia.

Para rematar, o director xeral salientou a importancia de adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade. Neste senso, destacou a cooperación entre a Xunta, concellos e entidades para acadar o máximo proveito dos programas integrados de emprego.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/11/2019