O Sergas investirá máis de 56.000 euros en reformar os centros de saúde de Cee, Coristanco, Xermade e Triacastela

As actuacións previstas, que serán cofinanciadas cos respectivos concellos, van permitir mellorar as dotacións e infraestruturas dedicadas á atención asistencial da cidadanía dos mesmos

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2019

A Consellería de Sanidade vai investir un total de 56.151 euros para proceder a cofinanciar cos concellos de Cee e Coristanco, na provincia da Coruña, e de Xermade e Triscastela, na provincia de Lugo; obras de reforma nos centros de saúde de titularidade municipal destas localidades.

Os convenios foron asinados polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e os alcaldes dos respectivos concellos. Margarita Lamela Louzán, de Cee; Juan García Pose, de Coristanco; María Olga Iglesias Fontal, de Triacastela; e Roberto García Pernas, de Xermade.

Na reforma do centro de saúde de Cee, o Sergas investirá 16.740 euros, e outro tanto o fará o Concello. Estas obras suporán a reforma do teito, o pintado interior do centro de saúde e o cambio de radiadores.

No centro de saúde de Coristanco, o investimento do Sergas será de 14.948 euros, e a mesma cantidade achegará o Concello. Este orzamento dedicarase a reformar a carpintería exterior e interior, a substitución das billas que se atopen en mal estado e á instalación dun acumulador eléctrico na sala de descanso do persoal.

No centro de saúde de Triacatesla, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña investirá un total de 6.443 euros, e outro tanto aportará o Concello, para proceder ao cambio de xanelas.

Polo que atinxe ao centro de saúde de Xermade, a Consellería de Sanidade destina un total de 18.020 euros, ao igual que o Concello, co obxecto de proceder a cambiar a caldeira e substituír a carpintería metálica das xanelas.

Todas estas reformas que o Sergas cofinanciará con estes catro concellos teñen por obxecto dar unha mellor resposta aos problemas de saúde destes municipios, por medio de actuacións que van permitir mellorar as dotacións e infraestruturas dedicadas á atención asistencial da cidadanía dos mesmos.

 

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 11/11/2019