A conselleira de Política Social, Fabiola García, presentou a este foro os cambios no texto normativo trala toma en consideración das alegacións
O Observatorio de Dinamización Demográfica avala a Lei de impulso demográfico de Galicia

Tivéronse en conta o 80% das alegacións que presentou a sociedade civil galega, tanto grupos parlamentarios como entidades sociais, expertos universitarios, axentes económicos e particulares

Engadíronse á normativa catro novos artigos e unha disposición, e modificáronse 29 artigos e catro disposicións

Prevese un investimento de máis de 700 millóns de euros ao ano para executar as diversas medidas que contempla a Lei, que comezarán a introducirse xa en paralelo á súa tramitación

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2019

A conselleira de Política Social, Fabiola García, presentou hoxe ao pleno do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica o texto do Anteproxecto de lei de impulso demográfico de Galicia trala toma en consideración das alegacións recibidas. Este foro consultivo, no que están representadas as Administracións públicas, os partidos políticos, as Universidades, os sindicatos, a patronal e outros axentes sociais, acolleu positivamente esta proposta normativa.

Fabiola García explicou que, unha vez superado o período de información pública, tivéronse en conta o 80% das 336 alegacións que presentou a sociedade civil galega, tanto grupos parlamentarios como entidades sociais, expertos universitarios, axentes económicos e particulares. O 55% delas incluíuse de xeito literal no texto da Lei de impulso demográfico, o 25% fan referencia a principios que xa están regulados noutras normas e que polo tanto son de obrigado cumprimento e tan só menos do 20% foi desbotado por non ter encaixe conceptual dentro desta Lei.

A conselleira agradeceu a todas as persoas que, a título individual ou en nome dunha organización, fixeron achegas á Lei, e asegurou que todas elas poden ver hoxe a súa pegada no novo texto. Un feito que pon de manifesto a vocación de consenso e de permanencia coa que o Goberno galego está a impulsar está normativa. En concreto, engadíronse á normativa catro novos artigos e unha disposición, e modificáronse 29 artigos e catro disposicións.

Avances na tramitación

Logo de contar co aval do Observatorio, a tramitación da Lei de impulso demográfico avanzará no Consello Económico e Social de Galicia, para despois volver ser aprobada polo Consello da Xunta e finalmente debatida no Parlamento autonómico.

Prevese un investimento de máis de 700 millóns de euros ao ano para executar as diversas medidas que contempla a Lei, que comezarán a introducirse xa en paralelo á súa tramitación para que as familias galegas poidan beneficiarse o antes posible. Unha destas iniciativas, que se comezará a implantar en Galicia en 2020, é a introdución da gratuidade da educación infantil de 0 a 3 anos para os segundos fillos e sucesivos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/11/2019