A terceira edición de 'Sportur' promove Galicia como destino para o binomio de turismo activo e deporte

O III Salón do Deporte e Turismo Activo celebrarase en Expourense os días 15 e 16 de novembro e conta co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte e de Turismo de Galicia

A principal novidade desta edición é o desenvolvemento do I Congreso Ibérico de Turismo Deportivo e que se poderá usar a pista de atletismo hidráulica

Contará coa presenza dun cento de participantes que organizarán un programa con máis de 60 actividades entre exhibicións, adestramentos, campionatos e obradoiros

Ourense, 12 novembro de 2019

A terceira edición de ‘Sportur Galicia’, Salón do Deporte e Turismo Activo de Galicia, converte un ano máis á cidade das Burgas no escaparate do turismo activo e do deporte. Este evento ten como obxectivo promover Galicia como destino perfecto para o binomio turismo-deporte durante todo o ano e está destinado a todos os públicos -deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades-.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na presentación da edición deste ano de ‘Sportur Galicia’ que terá lugar en Expourense os vindeiros días 15 e 16 de novembro. A celebración do I Congreso Ibérico de Turismo Deportivo será a principal novidade que ofrece este evento. Ademais, este ano a pista de atletismo hidráulica coa que conta Expourense estará instalada para esta feira multiplicando así as opcións á hora de organizar actividades deportivas e exhibicións.

Díaz Mouteira sostivo que este evento contribúe a pór en valor os nosos recursos deportivos desde un punto de vista turístico. Así, subliñou que o dobre obxectivo de Sportur é “dar a coñecer Galicia como destino activo e saudable que ofrece multitude de opcións para gozar do deporte e das actividades ao aire libre e, ademais, animar a practicalas a todo o mundo”. Neste sentido lembrou algúns dos activos máis importantes cos que conta Galicia como “as nosas montañas, os nosos ríos, os nosos mares, as experiencias de turismo BTT, as competicións de golf, o Pantín Classic, o sendeirismo, os deportes acuáticos, as carreiras populares e sobre todo o Camiño de Santiago”.

A delegada territorial fixo referencia á aposta do Goberno galego polo turismo activo incluída na Estratexia do Turismo 2020. Neste sentido defendeu o enorme potencial dos eventos deportivos para incrementar o fluxo de turistas e favorecer á desestacionalización da nosa oferta turística.

Durante dous días, coa colaboración de Turismo de Galicia e da Secretaría Xeral para o Deporte, da Deputación Provincial de Ourense e do Concello de Ourense a través do Consello Municipal de Deportes e de Turismo, Expourense organiza este certame no que participan un cento de expositores, dos que 36 son federacións e clubs de toda Galicia que aproveitarán a súa presenza para promover a súa actividade organizando distintas exhibicións, adestramentos ou campionatos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/11/2019