Na entrega de premios da campaña Días azuis do comercio galego
Conde apunta que o comercio de proximidade debe responder aos desafíos con innovación e centrando a súa estratexia nos clientes

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apunta que para apoiar o crecemento do sector, a Xunta ten en marcha Comercio 360, unha iniciativa que impulsa a dixitalización, a economía circular e o produto local

Neste eido puxéronse en marcha medidas centradas na implantación do tícket dixital, o impulso da ecoinnovación, o marketing en liña ou a reforma dos establecementos

Na campaña Días azuis, en colaboración coa Federación Galega de Comercio e Abanca, participaron máis de 108.700 clientes en toda Galicia

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na entrega de premios da última edición da campaña Días azuis do comercio galego que os establecementos de proximidade debe saber anticiparse aos novos desafíos respondendo con innovación e buscando o grao extra de diversificación ao tempo que se pon ao cliente no centro da súa estratexia.

Na súa intervención, o conselleiro apuntou que o comercio, que representa algo máis do 14% do tecido empresarial galego, significa calidade de vida para o seu entorno. Tal e como destacou, o obxectivo debe ser seguir crecendo e diversificando a actividade sen que se desvirtúe a identidade de cada negocio. Para apoiar ese crecemento, a Xunta ten en marcha Comercio 360, unha iniciativa que busca a competitividade a través da dixitalización, a economía circular e o produto local. Así, estanse desenvolvendo medidas centradas na implantación do tícket dixital, o impulso da ecoinnovación, o marketing en liña ou a reforma dos establecementos.

Na campaña Días azuis do comercio galego, realizada entre o 1 e o 20 de outubro en colaboración coa Federación Galega de Comercio e Abanca, rexistráronse máis de 108.700 participacións, un 13% máis con respecto ao ano anterior e un 6% desde a convocatoria de maio. No acto de hoxe fíxose entrega aos clientes gañadores dos 16.200 euros en premios repartidos en tarxetas prepago de 300 e de 150 euros. O listado completo dos 80 premiados pode consultarse en https://www.diasazuis.com/ganadores.

É a cuarta vez que se desenvolve esta iniciativa, e a primeira ocasión na que se celebran dúas edicións anuais, sendo o obxectivo principal dinamizar as vendas no comercio de proximidade e premiar a fidelidade dos clientes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/11/2019