O Sergas traballa para garantir a atención pediátrica especializada en Ourense

Almuiña informou no Parlamento que se están a adoptar todas as medidas posibles para asumir este servizo nos hospitais comarcais de Verín e Valdeorras

Convocáronse dúas prazas vacantes de pediatría no Hospital de Verín, interinidades, ás que non se presentou ningún aspirante

O Servizo Galego de Saúde ten acudido ao mercado laboral na busca de especialistas en pediatría, pero non existen especialistas en desemprego, nin sequera para concorrer a prazas de interinidade

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, explicou hoxe, no Pleno do Parlamento de Galicia, as medidas adoptadas polo Sergas para garantir a atención pediátrica especializada nos hospitais de Ourense.

Segundo referiu Almuiña, na actualidade concorren dúas circunstancias simultáneas como son o permiso por paternidade do pediatra de Hospital de Valdeorras e que o pediatra que realizaba gardas no Hospital de Verín deixou de facelas, por mor da súa idade. En ningún dos casos puideron ser substituídos, xa que non hai especialistas dispoñibles. O conselleiro lembrou que se convocaron dúas prazas vacantes de pediatría no Hospital de Verín que quedaron desertas porque non se presentou ningún aspirante. As prazas convocadas eran interinidades.

Almuiña destacou o labor do persoal do Servizo de Pediatría do Hospital Universitario de Ourense, que asumiu a cobertura da atención pediátrica dos comarcais. Isto fixo que houbera que adiar consultas, tendo en conta a gravidade dos casos, xa que os especialistas que tiñan que atender esas consultas estaban desprazados nos hospitais comarcais.

Esta situación mellorará nas vindeiras semanas, coa reincorporación do pediatra do Hospital de Valdeorras, tras o seu permiso de paternidade.

Atención pediátrica

O conselleiro de Sanidade remarcou o gravísimo problema de natalidade que temos na actualidade, e que no caso concreto de Ourense fixo que se pasara dos 37.608 nenos que había en 1999 aos 30.686 de 2018, o que significa unha reducción do 18,6%.

Segundo dixo Almuiña o modelo de asistencia en atención primaria en Galicia ten unha cobertura por pediatras do 90%. É dicir que do total de prazas, o 90% están cubertas por especialistas en pediatría. O conselleiro lembrou que esta porcentaxe está por riba da media no Sistema Nacional de Saúde, que está nun 75%, ou de comunidades como Castela-A Mancha, que está por debaixo do 60% ou Baleares cun 50%.
O Servizo Galego de Saúde ten acudido ao mercado laboral na busca de especialistas en pediatría, pero non existen especialistas en desemprego, nin sequera para concorrer a prazas de interinidade.

O conselleiro de Sanidade trasladou ao Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social, a necesidade dunha convocatoria MIR extraordinaria para as especialidades de medicina familiar e comunitaria e pediatría, obtendo a negativa por resposta. Galicia conseguiu incrementar o número de pediatras en formación pasando de 20 a 27 prazas. As prazas de formación desta especialidade non se incrementaban dende 2013. Almuiña destacou o esforzo do Sergas por estabilizar a plantilla, con 103 prazas de pediatría de atención primaria en OPEs dende 2012. Tamén se referiu á creación da categoría de enfermería especialista en pediatría , dotandoa de prazas para unha mellora significativa na atención.

O Sergas continúa solicitando a eliminación da taxa de reposición para que cada Comunidade Autónoma poida ofertar todos os postos que as necesidades asistenciais están a demandar.

Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 13/11/2019