A Xunta adxudica os primeiros 82 novos contratos do transporte público que operarán en Galicia na vindeira década por un importe duns 472 millóns de euros

Os contratos inclúen 1.533 liñas de transporte, das que 1.180 se corresponden con servizos de autobús compartido entre escolares e usuarios xerais

Case 910 das novas rutas inclúen a prestación de servizos baixo demanda

Estes primeiros contratos do Plan de transporte público de Galicia garanten o emprego de 828 condutores e 651 acompañantes no autobús compartido

As liñas da primeira fase comezarán a funcionar a comezos de 2020 e antes de que acabe o ano se licitarán as da segunda fase

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2019

A Xunta de Galicia vén de adxudicar os primeiros 82 novos contratos do transporte público que operarán en Galicia na vindeira década, por un importe duns 472 millóns de euros de fondos públicos.

Os contratos adxudicados contemplan un total de 1.533 liñas de autobús, con 14.240 paradas, das que 1.180 liñas contan con servizos de transporte compartido entre escolares e usuarios xerais. Ademais, unhas 910 rutas dispoñen de servizos baixo demanda.

No que se refire ao emprego, estes contratos supoñen a disposición de 828 condutores e 651 acompañantes nos servizos de autobús compartido.

Os novos servizos correspóndense practicamente con toda a provincia de Ourense (27 dos 98 contratos); gran parte da provincia de Lugo (26 contratos), aproximadamente a metade da de Pontevedra (27 contratos) e determinadas zonas da da Coruña (14 contratos).

Estes novos contratos, que terán unha vixencia por 10 anos, está previsto que comecen a funcionar a partir de xaneiro do 2020. E para seguir completando a contratación desta fase, a Xunta prevé adxudicar nos vindeiros días outros 3 contratos relativos aos termos municipais de Mondariz e Oeste do de Covelo e Ponteareas.

Ademais, antes de que remate o ano, a Xunta prevé licitar os restantes contratos de transporte, co obxectivo de que no ano 2020 estea culminada a renovación integral do transporte público en Galicia.

A Xunta avanza así no cumprimento do establecido na normativa europea, garantindo que Galicia siga a ter transporte público tras o vencemento das concesións e acadando a renovación total do mapa de servizos de autobús interurbano da comunidade.

O novo plan permitirá que o 97% da poboación estea a menos de 200 metros dunha parada de autobús e que os usuarios de toda Galicia se beneficiarán das vantaxes do transporte metropolitano e a tarxeta Xente Nova. Para isto, duplicaranse amplamente os servizos existentes hai 3 anos, pois cos novos contratos os galegos disporán de preto de 61 millóns de km de servizos de autobús cada ano.

Traballo de campo e participación

O Plan de transporte público de Galicia está baseado na participación e no traballo de campo, xa que para o deseño das rutas se estudou en profundidade o territorio co fin de coñecer os actuais servizos de autobús e as novas necesidades da poboación.

Ademais, consultouse aos usuarios, recolléronse datos nos principais centros de demanda, como zonas empresariais, centros de saúde ou centros educativos e se realizaron enquisas e entrevistas en todos os concellos.

O Goberno galego tamén escoitou as achegas e solicitudes en materia de transporte público, no marco dos procedementos de información pública, co fin de atendelas do mellor xeito posible e proporcionarlles aos cidadáns uns servizos eficaces que respondan ás súas necesidades reais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/11/2019