Conde resalta o apoio da Xunta para situar a automoción galega como un referente do vehículo autónomo e eléctrico

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinala no Parlamento que os recursos que a Administración galega destinará o vindeiro ano a esta industria porán o foco na eficiencia enerxética e na I+D

Desde a Xunta téñense investido case 200 millóns de euros en axudas á automoción, centradas na innovación, a chegada da fábrica intelixente e a formación de 4000 persoas

Incide en que é imprescindible abordar con urxencia a construción da nova subestación para atender a demanda eléctrica de PSA

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe no Parlamento o compromiso da Xunta para situar a industria galega da automoción como un referente no ámbito tanto do coche autónomo como do eléctrico, en colaboración co Centro Tecnolóxico da Automoción (CTAG), o Clúster galego da automoción (Ceaga), o grupo PSA e diferentes axentes públicos e privados.

Na súa intervención, Conde apuntou que o futuro da automoción se resume en catro vectores: vehículo eléctrico, compartido, conectado e autónomo, que esixen seguir traballando por unha Galicia máis formada, máis innovadora e máis verde. Neste sentido, lembrou que o vindeiro ano os recursos que a Xunta destina ao polo de automoción en Vigo porán o foco de atención na eficiencia enerxética e o cambio climático; apoiando a I+D para desenvolver novas tecnoloxías relacionadas co vehículo 100% eléctrico. En concreto, sinalou que a electrificación das K9, ás que a Xunta destina 5 millóns de euros entre 2020 e 2021, situará de novo a Galicia como referente a nivel mundial, como xa o é o vehículo autónomo.

Desde a Xunta téñense investido case 200 millóns de euros en axudas á automoción, incluíndo o apoio á conversión de factorías en fábricas intelixentes; o fomento da innovación nas empresas a través do programa de Unidades Mixtas de Investigación, ou o programa específico de formación para o sector, que está a beneficiar a máis de 4000 desempregados e traballadores. O conselleiro fixo tamén mención ao desenvolvemento da Business Factory Auto, a aceleradora de novos proxectos emprendedores que están a complementar a cadea de valor ao redor da automoción galega.

Sinalou Conde que, se se busca consolidar o potencial de emprego dos novos modelos adxudicados, e conseguir máis proxectos, non se pode tolerar que continúen os curtes de tensión. Estes curtes fan que PSA deixe de fabricar máis de 600 vehículos este ano.

Por iso, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria incidiu en que é imprescindible abordar con urxencia a construción da nova subestación para atender a demanda eléctrica de PSA e conectar Vigo á rede de 220 kilovoltios. Segundo sinalou Conde, trátase dunha infraestrutura esencial para o presente e futuro deste polo industrial, xa que supón un aforro dun millón de euros ao ano no custo da electricidade na factoría de Balaídos, e sobre todo, supón unha mellor calidade na subministración.

Tal e como resaltou Conde, o sector da automoción representa o 13% do emprego industrial, sumando o 13,5% do PIB, facturando 8650 millóns de euros. Máis de 100 empresas compoñen un tecido industrial moi innovador e competitivo, que permite que Galicia fabrique un de cada seis vehículos en España. A industria da automoción é a que máis valor achega, en concreto o 23% do valor engadido bruto (VEB) total, e a que máis emprego xera, con 22.300 empregos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/11/2019