A Xunta organiza un taller práctico sobre calidade sensorial dos produtos agroalimentarios no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo

A actividade será o vindeiro luns 18 en xornada de mañá, cunha duración total de cinco horas

Esta acción está integrada no Plan de formación ao agro galego 2019 que desenvolve a Consellería do Medio Rural

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2019

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza para o vindeiro luns 18 de novembro un taller práctico sobre calidade sensorial no Centro de Formación e Experimentarión Agroforestal de Guísamo, no concello coruñés de Bergondo.

Esta actividade está centrada na análise sensorial como valor engadido aos produtos agroalimentarios e como medida da calidade percibida pola persoa consumidora. Así, durante este taller de cinco horas de duración e en xornada de mañá, analizarase o uso do coñecemento sensorial na industria agroalimentaria e as novas tecnoloxías creadas precisamente para identificar e mellorar o posicionamento do produto.

Na parte práctica, desenvolverase unha cata de produtos da horta do propio centro de Guísamo para a identificación do que a persoa consumidora percibe e coñece e tamén do que premia e penaliza no produto. Tamén se realizará unha proba de aceptación en viño con uva da variedade branca lexítima e de zume de mazá natural da adega que ten o propio centro.

Esta acción está integrada no Plan de formación ao agro galego 2019 que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Neste senso, o principal obxectivo do Plan é impulsar o desenvolvemento das actividades de formación, demostración e información que desenvolve a Consellería. Con estas actividades preténdese fomentar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións, no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación, no emprego das TIC e na protección do medio.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2019