A Amtega abre hoxe o prazo para que as empresas do sector tecnolóxico se adhiran ao programa de Bolsas Digitalent

O obxectivo desta iniciativa é facilitar a incorporación de perfís non tecnolóxicos ao sector TIC

Ata o 20 de novembro as entidades interesadas poden presentar as súas solicitudes así como as áreas de coñecemento que encaixan máis coas súas necesidades

No mes de xaneiro, tras a selección das empresas, abrirase a convocatoria aos estudantes que queiran acceder ás 50 bolsas do Programa

Están destinadas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2019

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica hoxe no o Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para que as empresas tecnolóxicas poidan adherirse ao programa de Bolsas DigiTalent, do Plan de promoción de Talento dixital de Galicia impulsado pola Amtega, que buscan facilitar a hibridación entre o sector TIC e os perfís non dixitais.
As bolsas Digitalent ofertan un total de 50 prazas destinadas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura co obxectivo de facilitar a incorporación de perfís non tecnolóxicos ao sector TIC.
Pola súa banda, as empresas colaboradoras deberán ter experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras.

Solicitudes das empresas

Ata o 20 de novembro as entidades poderán presentar as súas solicitudes así como as súas preferencias en canto ás áreas de coñecemento ou titulacións dos bolseiros en función das súas necesidades
Toda a información sobre o programa e os pasos a seguir para participar na iniciativa están páxina web https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent. Neste espazo as empresas atoparán un formulario que, unha vez cuberto, poderán presentar a través da sede electrónica da Xunta.
Rematado este prazo, e unha vez avaliadas as solicitudes, publicarase a listaxe de entidades colaboradoras que finalmente recibirán aos bolseiros para a realización das prácticas formativas.
Esta actuación posibilita ás empresas tecnolóxicas o acceso a unha canteira de talento para cubrir vacantes de postos que precisan da confluencia das TIC co resto de ámbitos de coñecemento.

Convocatoria a estudantes

No mes de xaneiro, unha vez seleccionadas as entidades colaboradoras, publicarase unha convocatoria dirixida a estudantes matriculados en calquera das tres universidades galegas menores de 31 anos e que teñan superado o 75% dos créditos e menos do 100%, para que poidan presentar as súas candidaturas para participar no programa.
A través destas prácticas non laborais, os bolseiros seleccionados recibirán formación teórico-práctica e contarán cun plan de formación, asesoramento, orientación e dirección por parte dos responsables das empresas TIC por un período de tres meses, tendo unha duración de 20 horas semanais e serán remuneradas.

Colaboración institucional

As bolsas DigiTalent articúlanse a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); e contribuirá a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.

Plan DigiTalent

O Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia 2020, DigiTalent, impulsado pola Amtega en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, ofrece actividades, formación e especialización no ámbito dixital ao longo de todo o ciclo vital de persoa. Xunto coas bolsas, o Plan desenvolverá outras 37 actuacións durante o curso 2019/2020 co fin de impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas, os novos perfís dixitais e maximizar as oportunidades do desenvolvemento profesional na economía dixital.
Toda a actualidade sobre as actuacións recollidas no catálogo DigiTalent, atópase dispoñible no espazo web digitalent.xunta.gal, onde se recolle a información relativa aos detalles das actuacións (datas, localizacións e instrucións para a participación).

Data de actualización: 14/11/2019