O conselleiro e o alcalde do concello do Pino reuníronse para analizar a situación actual das reestruturacións parcelarias vivas neste concello coruñés
Medio Rural destinará máis de 20 millóns de euros en 2020 para impulsar as 104 reestruturacións parcelarias que están actualmente abertas

José González reiterou o compromiso do seu departamento coas reestruturacións parcelarias como instrumentos de dinamización do agro galego

Nesta lexislatura, o orzamento total destinado a estes procesos de reorganización do territorio supera os 100 millóns de euros

Programouse unha reunión informativa para o vindeiro martes cos veciños da zona de concentración parcelaria de Gonzar II, no centro sociocultural Luís Seoane do Pedrouzo

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2019

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde do concello do Pino, Manuel Taboada, para analizar a situación actual das reestruturacións parcelarias abertas neste concello coruñés.

Na reunión, o conselleiro reiterou o compromiso do seu departamento coas reestruturacións parcelarias como instrumentos de dinamización do agro galego e avanzou que a Consellería investirá no ano 2020 máis de 20 millóns de euros para impulsar os 104 procesos de reestruturación parcelaria que están abertos a día de hoxe. Ademais, recalcou que outros 17 procesos están pendentes da fase de entrega de títulos e que non conleva un gasto orzamentario para a Consellería. Neste senso, o titular de Medio Rural incidiu en que se sumamos esta cantidade presupostaria fixada para o vindeiro ano ao xa investido ao longo desta lexislatura, o investimento total supera os 100 millóns de euros.

Neste senso, José González trasladoulle ao rexedor que a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia na que traballa a Xunta e o Grupo Parlamentario Popular, que entrará no Parlamento este mes, complementará estes procesos de reorganización do territorio a través de figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou os instrumentos de xestión conxunta.

Durante o encontro, ambos dirixentes estiveron planificando as actuacións necesarias para impulsar a zona de concentración parcelaria de Gonzar II, no concello do Pino. Así, acordaron levar a cabo unha reunión informativa cos veciños desta zona para informarlles do deseño do trazado da rede viaria, así como do proxecto de obras de camiños principais, para o cal hai un orzamento superior aos 1,7 millóns de euros.

Esta reunión informativa estará presidida polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e terá lugar o vindeiro martes, 19 de novembro, ás 12,00 h. no centro sociocultural Luís Seoane, na parroquia de Pedrouzo.

Finalmente, repasaron o estado do resto de reestruturacións parcelarias que hai neste municipio, destacando a da zona de Monte de Santa María de Budiño, con acordo firme e só pendente da entrega de títulos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/11/2019